A programación polo Día de Rosalía inclúe música, unha lectura pública e a novena edición do “Caldo de Gloria”

11 Febreiro 2026

A Fundación Rosalía de Castro presentou as actividades conmemorativas do día do nacemento da poeta, o 23 de febreiro, que abranguen actuacións musicais, lecturas públicas do seus poemas, degustacións do coñecido como Caldo de gloria e o acto institucional central no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres. A fundación contará co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, da Deputación da Coruña e do Concello de Padrón.

“Trátase dunha celebración colectiva, das institucións e da cidadanía porque se hai unha poeta do pobo, que nos une a todos ao redor da súa obra, figura e valores, esta é Rosalía”, aseverou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, no acto de presentación do programa de actividades xunto co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, da deputada provincial de Cultura, Natividade González, do alcalde de Padrón, Anxo Arca, do cociñeiro Iago Pazos e dos músicos Luís Xaneiro e Olimpio Xiráldez, que interpretaron a Alborada de Rosalía.

Tal e como adiantou Valentín García, a programación que se impulsa en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro incluirá, como cada ano, actividades repartidas entre Santiago de Compostela e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada, respectivamente.

Pola súa banda, a deputada de Cultura, Natividade González, puxo énfase na importancia que Rosalía de Castro ten para Galiza e para todos os galegos e galegas. “Non seriamos o que somos hoxe se non fose pola figura de Rosalía, a nosa identidade sería totalmente distinta”, afirmou, e destacou a diversidade de actos en febreiro ao redor da escritora: “Debería existir xaneiro, despois Mes de Rosalía e xa marzo”, apuntou.

A celebración comezará en Padrón, ás 10,00 horas, cunha cerimonia de homenaxe ante estatua da escritora no Espolón. Ademais, contarase, como nos últimos seis anos anteriores, coa representación da Alborada a Rosalía, neste caso a cargo da agrupación de música tradicional Carapaus, que interpretará a peza musical escrita pola propia poeta. De igual xeito, nesta localidade haberá lectura de poemas por parte do alumnado dos Institutos Camilo José Cela e do Macías o Namorado, pertencentes a este municipio coruñés.

En Santiago de Compostela tamén soará a Alborada de Rosalía que acompañará a ofrenda floral, ás 11,00 horas, ante a súa estatua, que está situada na praza de Vigo. A continuación, ás 12,00 horas, terá lugar o acto institucional no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres, no que se celebrará unha lectura de poemas rosalianos e unha actuación musical da cantora Uxía xunto co intérprete andaluz Javier Ruibal.

Completará esta xornada de festexos, a degustación na mesa Casa-Museo de Rosalía do coñecido como Caldo de gloria, que está baseado no poema Miña casiña, meu lar, da publicación Follas Novas, no que a poeta explica como facer este prato. Nesta ocasión, a preparación correrá a cargo do cociñeiro Iago Pazos. O actos de conmemoración do aniversario rematarán cunha nova actuación de musical de Uxía & Javier Ruibal, acompañados á guitarra por Marcos Teira, para musicar tanto a Rosalía como ao granadino Federico García Lorca, un admirador da obra da poeta galega.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

Asistimos en el tablero de Oriente Próximo a una representación dramática de la discordia entre la moral y la política. El conflicto que involucra a Irán y sus vecinos pone de manifiesto cómo el moralista político -aquel que forja una moral ad hoc para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.