A Escola Infantil Monte Carmelo da Pobra do Caramiñal viviu un semana de Entroido ao completo: unha semana de celebracións en estreita colaboración coas familias e poñendo “o foco no respecto polas tradicións e a educación en valores”, sinalou a dirección do centro.

Así, durante o xoves e o venres o centro transformouse nun espazo de convivencia onde a música, a gastronomía e a aprendizaxe foron os grandes protagonistas.
A xornada do xoves comezou cun estoupido de alegría grazas a un concerto en directo, “un grupo moi especial integrado por un pai, unha nai e un antigo pai do centro e que agasallaron ao alumnado cun repertorio cheo de ritmo que puxo a bailar a toda a escola, demostrando que os vencellos das familias co centro perduran no tempo”.

Para pechar o día, as familias participaron nunha degustación de doces típicos. Grazas ás súas contribucións, os máis pequenos tiveron a oportunidade de descubrir sabores tradicionais do Entroido.
Este venres 13 de febreiro a escola viaxou directamente ás raíces rurais. Alumnado e profesorado acudiron disfrazados de oficios do campo galego, rendendo homenaxe aos labregos, os pastores e os artesáns da terra.

A sorpresa do día chegou da man dunha mamá da escola, quen trouxo unha vista moi especial: un galo e unha galiña que permitiron á rapazada afondar no contacto directo co natureza e “observar, aprender e respectar aos animais nun entorno seguro e educativo”, informou o centro.

Amais, coincidindo coas celebracións, a escola non quixo esquecer o seu compromiso coa educación en igualdade. Levouse a cabo un contacontos especial para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

“Queremos que os nosos alumnos medren sabendo que non hai límites para os seus soños. Celebrar o Entroido a través dos oficios tradicionais e ao mesmo tempo esperar a súa curiosidade científica é a base dunha educación integral”, apuntaron dende a dirección, engadindo que estas xornadas “volveron pór de manifesto que a Escola Infantil Monte Carmelo é moito máis ca un centro de ensino, é unha comunidade onde familias e educadoras reman xuntas para crear lembranzas significativas na nenez”.




