A Deputación financia 378.000 horas de servizo de axuda no fogar nos concellos cun investimento de preto de 9 millóns (39.000 horas no Barbanza)

10 Febreiro 2026

A Deputación da Coruña reforza a rede pública de atención social nos concellos máis pequenos da provincia a través do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, que este ano financiará 377.991 horas de servizo de axuda no fogar (SAF) e permitirá contratar a 177 profesionais do eido social nos municipios de menos de 20.000 habitantes.

A través deste programa, no que a Deputación inviste 8.855.329 euros, a institución provincial busca “contribuír de maneira decisiva ao sostemento dun servizo esencial para a calidade de vida das persoas maiores, dependentes ou en situación de vulnerabilidade, facilitando que poidan continuar vivindo no seu fogar e no seu contorno habitual, ao tempo que se apoia a conciliación das familias”.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou que este esforzo económico “responde á necesidade de apoiar aos concellos na prestación dos servizos sociais, cada vez máis demandados debido ao progresivo envellecemento da poboación, especialmente no rural”. Neste sentido, lembrou que o SAF é un servizo básico para garantir a igualdade de dereitos da cidadanía, “viva onde viva”.

Ademais do financiamento das horas de axuda no fogar, o programa permite aos concellos contratar durante un ano a 177 profesionais do ámbito social, entre persoal administrativo e técnico, “reforzando así os equipos municipais que atenden diariamente a persoas e familias en situación de especial necesidade”.

A Deputación financia o 100 % do custo salarial do persoal contratado, cunhas contías de referencia de 18.000 euros anuais para persoal administrativo, 22.000 euros para persoal técnico A2 e 26.000 euros para persoal técnico A1, con posibilidade de contratación a xornada completa ou parcial segundo as necesidades de cada concello.

Este apoio contribúe tamén “á creación de emprego cualificado e estábel” no ámbito dos servizos sociais, fortalecendo a capacidade de resposta das administracións locais.

O investimento distribúese por todas as comarcas da provincia, garantindo unha atención equilibrada e adaptada ás distintas realidades territoriais. En 2026, o programa permitirá financiar máis de 64.000 horas na comarca da Coruña- Betanzos, 39.000 no Barbanza, case 83.000 en Bergantiños–Costa da Morte, máis de 111.000 en Ferrolterra, Eume e Ortegal e preto de 80.500 horas na comarca de Santiago, ademais da contratación de profesionais en todos estes ámbitos xeográficos.

O financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios forma parte da aposta estratéxica da Deputación polo benestar social, unha das súas áreas prioritarias. Neste contexto, a institución provincial está a promover un novo modelo de residencias públicas para persoas maiores, as Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores, “baseadas na proximidade, na atención personalizada, na convivencia e na integración co entorno”, informou a Deputación, engadindo que “este modelo aposta por centros de pequeno tamaño, pensados para ofrecer unha atención máis humana e próxima, especialmente no medio rural; en definitiva un modelo inspirado no que se está implantado nos países nórdicos, afastado do concepto de institucións pechadas, similares a un hospital, e máis próximo a un fogar de convivencia”.

As primeiras Casas de Acompañamento impulsadas pola Deputación terán a súa sede en As Pontes, Rianxo e Ordes, e constituirán “proxectos piloto dun novo enfoque público dos coidados, complementario ao servizo de axuda no fogar e orientado a garantir unha vellez digna, activa e acompañada”, concluíu a Deputación.

Comarca do Barbanza

Boiro

Persoal contratado: 2

Horas de SAF: 4.000

Investimento: 96.000 euros

Carnota

Persoal contratado: 2

Horas de SAF: 3.000.

Investimento: 82.000

Lousame

Persoal contratado: 2

Horas de SAF: 3500.

Investimento: 78.000

Mazaricos

Persoal contratado: 1

Horas de SAF: 5.000

Investimento: 92.000

Muros

Persoal contratado: 2

Horas de SAF: 2.873

Investimento: 80222.

Noia

Persoal contratado: 3

Horas de SAF: 6.161

Investimento: 148.261

Outes

Persoal contratado: 1

Horas de SAF: 5.000

Investimento: 92.000

A Pobra do Caramiñal

Persoal contratado: 2

Horas de SAF: 2.000

Investimento: 72.000

Porto do Son

Persoal contratado: 2

Horas de SAF: 3.600

Investimento: 94.400

Rianxo

Persoal contratado: 2

Horas de SAF: 4.000

Investimento: 96.000

Total comarca: 930.883.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.