O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este xoves 12 de febreiro unha visita institucional ao Concello de Lousame, onde asinou co alcalde, Esteban Ares, o convenio de colaboración para executar as obras de renovación do céspede artificial do Campo de Fútbol Municipal de Cabanetán, que contan cun orzamento total de 204.781,14 euros. A Deputación achegará 163.824,91 euros, o 80% do investimento, mentres que o Concello asume o importe restante.

Segundo informaron, o proxecto permitirá substituír o actual céspede artificial, que presenta un elevado desgaste polo uso continuado da instalación, por un novo pavimento deportivo de última xeración, homologado segundo a normativa vixente e adaptado ás esixencias actuais da práctica do fútbol. As obras inclúen a retirada do equipamento existente, o levantamento do céspede actual, a limpeza das canles perimetrais de drenaxe e a instalación dun novo céspede que cumpre coa norma UNE-EN 15330-1 e conta coa certificación FIFA Quality Pro, ademais da colocación de novas bandeiriñas regulamentarias.

Valentín González Formoso destacou que esta actuación permite mellorar unha infraestrutura moi utilizada polos clubs e pola veciñanza, “garantindo condicións axeitadas de seguridade e calidade para a práctica deportiva”. O presidente subliñou que “a colaboración cos concellos é unha prioridade para a Deputación, especialmente na mellora das instalacións municipais”.
Pola súa banda, o alcalde de Lousame, Esteban Ares, agradeceu a visita do presidente ao municipio e o apoio económico que lle presta a institución provincial e sinalou que “a renovación do campo é unha actuación necesaria para manter a actividade deportiva en condicións óptimas”.

Máis de 13 millóns investidos en Lousame nunha década
Durante a xornada, o presidente e o alcalde visitaron tamén as obras de renovación de estradas e camiños municipais que conectan os núcleos de Pousada, Carantoña e Cruído, uns traballos nos que se investiron 50.245 euros con cargo ao Plan Único (POS+).
Formoso salientou “a importancia deste programa para os concellos da provincia e lembrou que dos máis de 13 millóns de euros que a Deputación leva investidos en Lousame na última década, 6,7 millóns corresponden ao Plan Único, que permitiu executar 55 obras no municipio e financiar numerosos servizos públicos”.

O presidente destacou que a maior parte das actuacións aprobadas por Lousame con fondos do POS+ destináronse á mellora de estradas e camiños municipais no rural das distintas parroquias, contribuíndo a mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza.
O presidente destacou que “o Plan Único é a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos. Permite que cada municipio decida con autonomía onde investir os recursos, dá aos concellos estabilidade orzamentaria e garante investimentos sostidos no tempo. Grazas ao POS+, concellos como Lousame poden planificar obras e servizos que melloran de forma directa a calidade de vida da veciñanza”.
Campaña #EuConZernadas
Tras agasallar ao presidente provincial cuns licores de Berrimes, Esteban Ares aproveitou para presentarlle o material da campaña #EuConZernadas, coa que o Concello de Lousame promoverá a candidatura de Diego Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da súa morte. Así, Esteban Ares entregoulle a Valentín González Formoso unha serie de libros coa obra literaria completa do cura de Fruíme, editados polo Concello de Lousame nos últimos 20 anos.
Así mesmo, presentoulle a imaxe da campaña de promoción da candidatura de Zernadas e fíxolle entrega dunha libreta e un bolígrafo coa imaxe corporativa, que será presentada oficialmente nos próximos días. Así mesmo, toda a corporación municipal e representantes do Lesende CF posaron canda o presidente provincial nunha fotografía co cancelo #EuConLousame, co que se promoverá a campaña nas redes sociais.




