A banda boirense Agoraphobia presenta o seu novo álbum “Kamikaze” o 20 de febreiro

18 Febreiro 2026

Tralo impacto dos novos temas Eyes Never Lie e Fck You Tony, os dous primeiros adiantos que marcaron o inicio dunha nova etapa na carreira da banda boirense de rock Agoraphobia, chega Kamikaze, un disco que eslúe calquera límite imposto ou autoimposto de exploración musical que se tivese marcado a banda na súa andaina: “É un disco onde os deadlines propios e alleos sucumbiron á experimentacion e á liberdade expresiva”, explican as integrantes de Agoraphobia.

Producido por Iago Lorenzo, o novo traballo consolida a mensaxe dun grupo que aposta pola liberdade creativa, o respecto aos ritmos vitais e unha exploración creativa máis pausada. Os adiantos xa publicados serviron como carta de presentación desta etapa, que culminará agora coa saída do álbum completo.

Tras varios anos sen publicar material novo desde 2019, este disco nace tamén como unha resposta consciente á lóxica da inmediatez e ao consumo rápido que domina a industria musical actual. Lonxe da obriga de xerar contido constante, Agoraphobia optou por crear desde a pausa, o tempo e o coidado. “Queremos priorizar a honestidade artística fronte á urxencia de estar sempre visíbeis e sempre fieis á contundencia sonora”, apuntan, engadindo que este disco é a resposta kamikaze a todos os requirimentos aos que se sentiron sometidas: unha oda á liberdade creativa e persoal.

Tras o seu paso polo Inverfest (Madrid) e o Invernia Fest (Pontevedra) Agoraphobia actuará o 14 de marzo no Exporock da Coruña, con artistas da talla do Drogas, Ciclonautas ou M-Clan.

O novo disco pódese escoitar xa en streaming.

A banda

Agoraphobia, referentes do indie-rock galego, creouse en Boiro en 2006, no Instituto de Secundaria. En 2014 editaron o seu primeiro EP, Dirty Little Things, gravado nos estudos madrileños Global Music Studio con Carlos Sainz como produtor, logo de gañar o Vodafoneyu Music Talent. En 2015 publicaron o EP Ready to Play, gravado no estudio Nekra da Coruña. En 2017 gañaron o Premio Martín Codax da Música na categoría de mellor banda de rock, grazas en boa medida ao seu traballo daquel ano, Incoming Noise, ao que seguiría dous anos despois outro traballo de notábel éxito de público e crítica: Unaligned. Todos os seus traballos foron publicados polo selo Dotbeat!.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.