Os negocios de Rianxo únense nun xogo con códigos QR para celebrar o amor polo comercio local e sortear premios entre quen complete a ruta. A campaña coincide coa celebración do Día de San Valentín, este 14 de febreiro, Día dos Namorados.

A iniciativa céntrase na ruta do amor, “un percorrido polos negocios participantes no que se poderá xogar, responder preguntas e participar nun sorteo final”, en palabras da Asociación Rianxeira de Empresas (ARE), impulsora da campaña.
En distintos negocios de Rianxo haberá 6 códigos QR diferentes, situados maioritariamente nos escaparates ou en espazos accesíbeis ao público. Ao escanealos co móbil, accederase a unha pregunta relacionada con parellas coñecidas da cultura popular.
Cada un dos 6 códigos QR corresponde a unha pregunta distinta. O obxectivo é completar a ruta respondendo correctamente ás seis preguntas achegadas.
O progreso gárdase no propio dispositivo móbil, polo que non é necesario rexistrarse nin descargar ningunha aplicación.
Como participar?
Primeiro hai que localizar os negocios adheridos á campaña e logo escanear os 6 códigos QR dispoñíbeis. Despois, responder ás preguntas para avanzar “na ruta do amor”. Unha vez completada a ruta, poderemos participar no sorteo.
Sorteos
Entre todas as persoas que completen correctamente a ruta do amor sortearanse:
2 ceas para dúas persoas, valoradas en 50 € cada unha.
2 vales de 20 € para gastar nos negocios participantes.
2 packs de agasallos da ARE.



