Este xoves 15, San Mauro, San Fructuoso e San Macario, agárdanse chuvias localmente fortes na franxa atlántica, así como refachos moi fortes de vento no litoral e nas zonas altas, polo que se recomenda extremar as precaucións.
Unha fronte moi activa atravesará Galicia ao longo da mañá, deixando ceos cubertos e chuvias localmente fortes na metade oeste da comunidade. Co paso da fronte, entrará aire frío que dará lugar a chuvascos na segunda metade do día.
A cota de neve experimentará un descenso progresivo ata situarse arredor dos 1.000 metros durante a noite, mentres que as temperaturas sufrirán un lixeiro descenso no interior.
Os ventos soprarán do suroeste, con intensidade forte e refachos moi fortes no litoral e nas zonas altas durante a primeira metade do día. Pola tarde, o vento virará a noroeste, con carácter moderado.

O noso mar; vento do sur á mañá, do noroeste á tarde e do oeste á noite, forza 5 a 8 á mañá, 4 a 5 á tarde e 3 a 4 á noite. Media vaga á mañá, forte marusía á tarde e marusía á noite. Visibilidade mala á mañá e regular á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 3 a 4 metros.




