O Concello de Ribeira e a xunta local da Asociación Contra o Cancro presentaron esta mañá o programa de actividades que se desenvolverá ao longo de todo o mes de febreiro con motivo do Día Mundial Contra o Cancro, que se conmemora o vindeiro 4 de febreiro.

No acto participaron a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, o primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, e a presidenta da xunta local da Asociación Contra o Cancro, María José Carreira. A rexedora quixo agradecer, un ano máis, o “compromiso, o traballo dinamizador e de concienciación” que realiza esta entidade no municipio.
Nesta edición, as actividades servirán tamén para render homenaxe a María Teresa Leis Blanco, veciña de Ribeira, quen loitou pola mellora do servizo sanitario tanto desde o seu traballo no centro de saúde como posteriormente como paciente oncolóxica. Sampedro destacou que María Teresa, coñecida popularmente como “a praticanta”, converteuse nun “exemplo a seguir” pola súa actitude positiva fronte á enfermidade. “É desas persoas que che anima cando a ves pola rúa, sempre cun sorriso pese ás dificultades”, sinalou a alcaldesa.
Durante a súa intervención, Sampedro cualificou o programa deste ano como “divertido, dinamizador e informativo”. Entre as iniciativas destaca a campaña de Brazaletes Solidarios, que se desenvolverá as fins de semana do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2026 e do 6 ao 8 de febreiro. Nela, clubs e asociacións deportivas de Ribeira portarán nos seus partidos un brazalete verde como símbolo de apoio ás persoas enfermas de cancro e ás súas familias.

Así mesmo, o Concello iluminará de verde o Cruceiro da Saúde para visibilizar esta efeméride e reforzar a importancia de apoiar aos pacientes oncolóxicos, ás súas familias e á investigación contra o cancro.
Pola súa banda, a xunta local da Asociación Contra o Cancro levará a cabo a VI edición da campaña Compra da túa Vida nos dous establecementos Gadis do municipio, entre os días 6 e 14 de febreiro. A iniciativa busca implicar á cidadanía a través de doazóns solidarias durante a compra, co obxectivo de contribuír a acadar unha taxa de supervivencia do 70% e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas pola enfermidade e do seu entorno familiar.
O programa complétase coa instalación de mesas informativas e de venda de merchandising, a lectura dun manifesto o propio día 4 de febreiro, unha charla informativa sobre o testamento vital o día 5 e a celebración da Gala MimArte o sábado 7 de febreiro no Auditorio de Ribeira.
“É unha programación na que participan entidades privadas, clubs e asociacións, que actúan como o mellor altofalante para chegar a moitas familias e concienciar sobre a importancia de apoiar a quen sofre esta enfermidade”, subliñou Sampedro.
A alcaldesa pechou o acto agradecendo o compromiso e a dedicación de todas as persoas implicadas nesta campaña e puxo en valor o traballo “incansable” e “fundamental” que realiza durante todo o ano a xunta local da Asociación Contra o Cancro.





