Amicos celebrou este martes, 20 de xaneiro, o acto de clausura da primeira edición dos proxectos medioambientais Lab-Mar (Laboratorio participativo para a prevención a valorización de lixo mariño) e Cabalga (Medidas innovadoras e inclusivas para a recuperación e conservación de comunidades bentónicas no Mediterráneo e Atlántico Galego). No evento, durante o que se fixo un balance de ambas iniciativas, participaron distintos representantes de entidades, empresas, investigación e institucións vinculadas a ambos proxectos de conservación medioambiental mariña.

O evento arrincou coa benvida do director xeral de Amicos, Xoán España, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón. Ambos fixeron fincapé na necesidade de “estimular a posta en marcha de proxectos de protección do medio natural, pero sobre todo a importancia do papel das persoas con discapacidade intelectual como activistas medioambientais, a mostra de que son axentes activos do cambia cara unha sociedade inclusiva e equitativa”.

A continuación, celebrouse a clausura do proxecto Lab-Mar cunha mesa redonda moderada polo director de Proxectos da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Fabián Ben, e na que participaron o patrón maior da Confraría San Xulián da Illa de Arousa, Juan José Rial; o director do CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo de Valga; e as activistas medioambientais Adriana Miguéns e a técnica María José Lamela. Nesta abordáronse as experiencias e motivacións dos distintos sectores á hora de participar en accións de restauración e concienciación medioambiental, así como do impacto social das mesmas. Todo no contexto deste proxecto, que realizou accións no PNMT de las Illas Atlánticas de Galicia, ao PN de Corrubedo, ao Complexo Intermareal de O Grove, o Parque Natural e o Parque Nacional de Doñana, as Marismas de Odiel, as Lagunas de Palos e as Madres, as Marismas do Río Piedras e o Rompido, os Enebrales de Punta Umbría e as Marismas de Isla Cristina.

O proxecto Lab-Mar estivo impulsado por Amicos, Fundamar e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, e conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, cofinanciado polo FEMPA; financiador tamén de Cabalga. Nel participaron máis de 2.000 persoas voluntarias e recolléronse máis de 2.000 quilos de refugallos mariños.

Restauración de fondos mariños
A continuación, foi a quenda do proxecto de restauración de fondos mariños Cabalga, unha iniciativa posta en marcha polo Instituto de Ciencias do Mar do CSIC, a Asociación Amicos e varias confrarías de pescadores de Galicia e Cataluña. A mesa redonda desta convocou ao presidente de mariscadores da Confraría de Carreira – Aguiño, Manuel A. Reiriz; o director-conservador do Parque Nacional MT das Illas Atlánticas, José Antonio (Pepín) Fernández; o membro do Instituto de Ciencias do Mar – CSIC, Stefano Ambroso; o catedrático de Bioloxía da Universidade da Coruña, Javier Cremades; o director xeral de Amicos, Xoán España; e a activista medioambiental de Amicos, Cristina Sanmiguel.

Nesta parte, o fío condutor foi o proceso de rehabilitación e restauración de gorgonias, laminarias e zostera; tanto en augas Atlánticas como na costa mediterránea. Así, os profesionais participantes puxeron en común a importancia deste tipo de iniciativas e o seu impacto na biodiversidade e na economía azul da zona. Nos últimos meses, a entidade realizou máis de 110 accións medioambientais, nas que se mobilizaron máis de 2000 voluntarios e voluntarias.

Ademais, no que vai de ano, a entidade leva reinseridas 460 gorgonias, 1120 unidades de zostera e 1.150 soportes de laminarias.
Por último, os equipos de ambos proxectos fixeron entrega de distintos recoñecementos de participación aos distintos actores que participaron en ambas iniciativas, e que fan realidade que este tipo de accións teñan repercusión na sociedade e no medio ambiente. Entre os recoñecidos estiveron distintas colexios, entidades, confrarías, empresas e institucións.
O acto foi clausurado pola delegada provincial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, que destacou que “animamos a seguir impulsando proxectos que melloren a realidade dos municipios mariños”. Asemade, destacou o papel de Amicos por buscar a colaboración de institucións públicas e entidades privadas para dar voz ás persoas con discapacidade e poñer en marcha iniciativas que xunten o social e o ambiental.

Tamén interveu Mariola Sampedro, alcaldesa de Ribeira, que puxo o acento na “importancia de preservar a nosa identidade de pobo mariñeiro, levamos a salitre nas veas e iso mostrase no que facemos polo mar. O mar é presente e pasado, pero sobre todo queremos que sexa futuro, e por iso queremos agradecer o papel de Amicos por implicar tódolos axentes da sociedade para asegurar que se produza un cambio estrutural cara unha sociedade máis inclusiva”.
O evento contou tamén coa presenza a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Coruña, Rosa Ana García, así como membros de distintas confrarías galegas, centros educativos e empresas colaboradoras como Altia, Vegalsa, JEALSA e Redeia.
A Deputación loa o traballo de Amicos
A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García afirmou que “a presenza da Deputación responde ao seu compromiso co traballo de Amicos e ao apoio a programas de inclusión, autonomía e cohesión social, creando as condicións necesarias para reforzar este tipo de entidades permitíndolles medrar, innovar e ampliar o seu impacto tamén no eido ambiental. Apoiar a entidades como Amicos é apostar por proxectos que transforman o territorio desde o social, o económico e o ambiental”.

Rosa Ana García destacou que “cando se fortalecen as entidades sociais, fortalécense tamén as iniciativas que fan posible un futuro máis sostible e inclusivo”.
Nos últimos anos, a Deputación da Coruña vén apoiando a Amicos a través de distintas liñas de subvención, como os programas orientados á activación sociolaboral e ao acompañamento ao emprego de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, e os programas destinados a investimentos sociais como o proxecto de vivendas comunitarias Horizonte Autónomo, centrado na promoción da vida independente. “Uns apoios que permiten consolidar servizos esenciais, xerar oportunidades e reforzar o tecido social da comarca”, concluíu a deputada.



