O Concello de Rianxo, a través da súa Área de Educación e Cultura, compartiu a axenda de actividades do remate de xaneiro encadrada no ciclo Actos Castelao 2026.
Venres 30/01, 20:30, Centro Sociocultural-Auditorio, Sala Arcos Moldes (teatro)
A Asociación Cultural Barbantia vai celebrar a súa asemblea xeral ordinaria no Auditorio Municipal de Rianxo, o vindeiro 30 de xaneiro en dúas quendas (con primeira convocatoria a partir das 18.30 horas e segunda ás 19.00 horas). A xuntanza das persoas integrantes desta asociación comarcal, referente cultural e literario do Barbanza e Galicia, complementarase cunha presentación editorial, na mesma xornada do venres 30 de xaneiro e no mesmo marco (o Centro Sociocultural Auditorio de Rianxo) ás 20.30 horas: a presentación do libro trilingüe xaponés-francés-galego: Sanshô-Dôei. Eihei Dōgen(永平道元). Escolma, tradución do francés ao galego de Eme Cartea e ilustracións de Doroteo Arnáiz. Participarán no acto: María Xesús Blanco (presidenta da A. C. Barbantia), Valentín García Gómez (secretario xeral da Lingua), Doroteo Arnáiz (ilustrador), Eme Cartea (tradutor) e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo Abuín. O acto contará cunha intervención plástica a cargo do artista barbanzán Jontxu Argibay e apertura e peche musical a cargo da Escola de Música de Rianxo. Este acto está enmarcado nos Actos Castelao 2026 que organiza o Concello de Rianxo.

Sábado 31/01, 12:00, Paseo da Ribeira (busto de Castelao)
Ofrenda floral e intervención de autoridades. Acompañamento musical do grupo tradicional Fogo Fatuo.
De seguido presentarase no Pazo de Martelo o cadro Castelao da serie Yiban doado á Fundación Castelao polo artista Fernando Yáñez.
No caso de climatoloxía adversa os actos trasladaranse ao Pazo de Martelo.

Sábado 31/01, 20:30, Centro Sociocultural-Auditorio (primeiro andar)
Lecturas: Lecturas dunha selección de textos do alumnado do IES Félix Muriel, participante no certame literario Un verán con Castelao, de Nós Diario. Participarán Sofía Rama (docente do IES Félix Muriel), Xosé Ricardo Losada (escritor e docente do IES Félix Muriel), Xoán Costa (presidente do Consello de Administración de Nós Diario) e Julián Bustelo (alcalde de Rianxo).

Exposición, Cousas da vida por Castelao (almanaque Faro de Vigo) no fondo Roberto Taboada Rivadulla, primeira proposta dos Actos Castelao 2026.
A Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, con sede en Artes (Ribeira), organiza co Concello de Rianxo a exposición Almanaque Faro de Vigo – Cousas da Vida, serie do coleccionista Roberto Taboada Rivadulla. Pódese visitar no Auditorio de Rianxo.
Trátase da exposición coa que deron comezo os Actos Castelao 2026, organizados pola Área de Educación e Cultura de Rianxo e nos que o Museo do Gravado de Artes colabora dende hai anos. Contarase coa presenza do alcalde Julián Bustelo, e máis do director do Museo do Gravado de Artes, Pastor Rodríguez. A exposición poderá visitarse no Auditorio de Rianxo do sábado 20 de decembro ao sábado 31 de xaneiro.
O almanaque inclúe 63 Cousas de Castelao (publicadas os anos 1930 e 1931), ademais do santoral e as datas dos principais mercados de Galicia daqueles anos. Engádense outras moitas pezas de gran relevancia, entre as que se atopa Diante do portal, de Castelao, de 1926.




