A delegada da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Porto de Son, Luis Oujo, presentaron este luns 26 de xaneiro os detalles do novo vehículo ambiental do Concello, que será destinado á recollida e traslado de vertidos incontrolados ao punto limpo municipal, explicaron.

A actuación realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) non competitivo, cun investimento da Xunta de 74.000 euros, o 100% do orzamento, co obxectivo de apoiar ao concello na súa tarefa de garantir unha xestión responsábel dos residuos.
A delegada subliñou que “todos os residuos incontrolados constitúen unha agresión ao medio ambiente e á saúde pública, polo que é fundamental que as administracións continuemos colaborando para eliminar este tipo de puntos e fomentar o comportamento responsábel da cidadanía”.
Salientou que “o Concello de Porto do Son vén desenvolvendo nos últimos anos diversas actuacións para preservar o seu entorno natural, como a recollida gratuíta de voluminosos e a retirada de residuos eléctricos e electrónicos (RAEE)”.
A pesar da boa acollida destes servizos, recoñeceu, “persisten casos illados de vertedoiros ilegais, motivo polo que a adquisición deste novo vehículo permitirá reforzar a resposta municipal e actuar con maior rapidez e eficacia”.
Durante o acto, a representante do Goberno autonómico puxo en valor a cooperación entre administracións como “peza clave para avanzar na protección do patrimonio natural galego”.

Na comarca do Barbanza, a contía destas axudas ascende a 520.000 euros, repartidas entre 10 concellos de A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro, Rianxo, Lousame, Mazaricos, Outes, Porto do Son, Muros e Carnota, explicou Belén do Campo, engadindo que “os concellos son as administracións que mellor coñecen o territorio e as súas necesidades, e por iso desempeñan un papel fundamental na súa protección e xestión sostible”.
A representante do Goberno autonómico aproveitou a visita para animar aos taxistas a solicitar as axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos que contan cun investimento de 500.000 euros na convocatoria para 2026. Realizou esta visita tras comprobar o novo vehículo adaptado adquirido por un taxista deste municipio. Belén do Campo explicou que “con esta orde o Goberno galego consolida unha liña de apoio dirixida ao sector do taxi e orientada a mellorar a súa modernización e a súa competitividade, ao tempo que se contribúe a garantir a mobilidade limpa e a favorecer un transporte público accesíbel”. As solicitudes poden presentarse de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta. O prazo rematará o 14 de outubro de 2026 ás 20,00 horas.

A delegada explicou que dos 500.000 euros, 290.000 euros van dirixidos á liña para vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), 68.000 para taxi de CERO emisións (vehículos 100% eléctricos e híbridos enchufábeis) e 142.000 euros para taxi ECO (vehículos que combinan dous e máis combustibles e por tanto algún tipo de hibridación). A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de CERO emisións de 4.000 euros e para taxi ECO de 1.000 euros.
A medida vai destinada ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou os servizos de Mobilidade competentes.

Balance 2025
A delegada da Xunta subliñou que “o ano pasado na comarca do Barbanza recibiron estas achegas ademais do vehículo adaptado de Porto do Son, outros tres taxistas, 2 de Ribeira e 1 taxista de Muros para a adquisición de vehículos Eco por un importe total de 13.000 euros”. Engadiu que na provincia da Coruña beneficiáronse 78 taxistas por un importe total de 114.000 euros. Na convocatoria de 2025 en Galicia concedéronse 180 axudas coa partida de 500.000 euros.
O sector do taxi conta con case 3.500 autorizacións en Galicia e presta un servizo esencial adaptado ás necesidades de mobilidade da poboación no ámbito urbano como no rural, onde se rexistra unha maior demanda debido á dispersión e avellentamento da poboación.




