
A manobra ABSURDA de Donald Trump en Venezuela avala un secuestro fóra das súas fronteiras, mentres que os demócratas entenden que o ataque militar á República Bolivariana é ilegal e vén producirse cando a popularidade de Trump está caendo en barrena.
Se estas aopreciacións van na liña das certezas, que pode xustificar tal acción se esta non xoga a prol de intereses económicos coma o petróleo que Venezuela ten no seu subsolo, xunto ao coltán, o ouro, as terras raras e outros minerais estratéxicos para a transformación dixital e a industria da guerra que tanto semella adorar o actual inquilino de Casa Branca?. Quen é o presidente estadounidense para se vanagroriar dunha manobra que só ensombrece a historia dun país que aínda ten por pechar definitivamente sanguiñentas historias tituladas Guerra de Vietnam, Guerra do Golfo, Guerra de Iraq, Guerra de Afganistán, Libia, Irán-Israel?…
Pois hai quen non só apoia este tipo de actuacións, senón que coidan que os pasos dados por Donald Trump van na liña correcta. É o caso do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen onte mesmo prognosticaba na Coruña, durante a celebración da Pascua Militar, que “se abre unha etapa de esperanza” para Venezuela e “para todos os galegos que teñen relación co país” após a detención de Nicolás Maduro, ao que cualificou de “tirano”.
Rueda amosou a súa “cercanía” con aqueles venezolanos que tiveron que se ir do seu país pola “falta de liberdade e pola falta de recursos” na percura dunha “vida mellor” e que en Galicia “atoparon esa nova oportunidade”.
Nunca tal cousa lle escoitei ao presidente da Xunta ao se referir aos milleiros de galegos que, en tempos da ditadura franquista amigraron a Venezuela para, tamén, acadar unha “vida mellor” que aquela que Franco ofrecía aos españois que nen sequera cobraban mil pesetas ao mes por un traballo como podía ser o de mariñeiro, albanel, etc.
Pero Franco seguramente non foi un “tirano” para Alfonso Rueda. Os tiranos sempre eran ou son os de fóra. Os galegos que contribuiron co seu esforzo a facer grande a Venezuela simplemente “colleron a maleta” para sentar praza en Caracas, Maracaibo, Valencia, etc.
Ás veces estariamos mellor caladiños.



