O PSOE de Rianxo pide unha reunión urxente para abordar a seguridade viaria na AG-11 e noutros treitos da rede viaria

20 Xaneiro 2026

O PSOE de Rianxo, a través do seu voceiro, Óscar Rial, vén de solicitar formalmente unha reunión co alcalde Julián Bustelo para “analizar con urxencia a situación da seguridade viaria e da seguridade cidadá en Rianxo”, dúas cuestións, adianta, “que están a xerar unha crecente preocupación entre a veciñanza ante as incidencias rexistradas nas últimas semanas”, sinala o representante socialistas.

No eido da seguridade viaria, os socialistas poñen o foco na Autovía do Barbanza (AG-11) e nas estradas autonómicas ao seu paso polo concello, instando á Xunta de Galicia a que “adopte solucións reais, completas e urxentes, especialmente nos treitos con maior sinistralidade”, sinalan, engadindo que “os datos confirman que o tramo comprendido entre a ponte de Taragoña e o límite co concello de Dodro concentra unha porcentaxe moi elevada dos sinistros con persoas feridas, o que evidencia a necesidade de actuacións específicas e ben planificadas”. Desde o PSOE de Rianxo valoran “positivamente” os anuncios de investimentos na AG-11, pero consideran “imprescindíbel” coñecer con detalle que actuacións concretas se van realizar nos puntos máis problemáticos, “xa que a sinistralidade segue a incrementarse nalgúns tramos”.

Ao mesmo tempo, reiteran a súa preocupación pola situación do cruce de Taragoña – Muíños, un punto no que se están a producir “sustos continuos derivados da súa configuración e do elevado volume de tráfico, con pequenas incidencias reiteradas que evidencian un risco real para a seguridade”.

E engaden: “Desde o PSOE seguimos instando ao Concello de Rianxo a que dea unha solución a este punto, xa sexa actuando directamente ou reclamando ao titular da vía as medidas necesarias”.

Así mesmo, solicitan que “se o Concello entende que o semáforo existente xa non é necesario, se achegue o informe técnico que avale esa decisión e se proceda á súa retirada, xa que actualmente non se atopa en funcionamento, xerando confusión entre as persoas condutoras”.

Apuntan que “a non activación deste semáforo afecta tamén á seguridade na zona de Campos de Pazos, onde se vén detectando un incremento da velocidade dos vehículos; trátase ademais dun cruce que dá acceso a un itinerario habitual cara ao colexio, polo que a ausencia dunha medida intermedia que permita abrir ventás de paso incrementa a inseguridade, especialmente para peóns e familias”.

Na reunión solicitada co alcalde, o PSOE de Rianxo tamén demanda abordar a situación da seguridade cidadá, “coa finalidade de coñecer que medidas se están a levar a cabo ante o aumento das incidencias rexistradas nos últimos días”. E conclúen: “Desde o Partido Socialista defendemos que a seguridade, tanto viaria como cidadá, debe ser unha prioridade política, baseada na prevención, na planificación e na colaboración institucional, poñendo sempre no centro a protección das veciñas e veciños de Rianxo”.

Outros artigos

O filme documental 360 curvas proxéctase este domingo en Boiro

O Ciclo de Cine Mestre Mateo, impulsado nos concellos pola Academia Galega do Audiovisual, volveu poñer o foco en Boiro para dar coñecer ao público a rica colleita cinematográfica galega deste último ano. Sen ir máis lonxe, este domingo 18 de outubro proxectarase no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.