O IGADI abre 2026 con novos contidos sobre Castelao: unha publicación e un programa en liña

08 Xaneiro 2026

Coincidindo co 76 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) achegou novos contidos en liña arredor do ilustre rianxeiro, entre os que figura a publicación extraordinaria 2025, Ano Castelao, Río da Prata quilómetro Cero, que recompila as entrevistas, análises e artigos publicados ao longo dos últimos doce meses polo Observatorio das Diásporas do IGADI. Ademais, este mércores 8 de xaneiro emitiuse un programa especial de peche do Ano Castelao dende a TV en liña do IGADI.

A publicación

O especial, coordinado desde Bos Aires pola xornalista e investigadora asociada do IGADI Paula Sabajanes, dá voz á Galicia exterior na súa conexión coa figura de Castelao, situando o río da Prata como espazo clave da memoria política, cultural e institucional do país.

A publicación recolle testemuñas de representantes dos centros galegos impulsores da iniciativa para recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia, así como achegas de responsábeis políticos e especialistas como o fundador e presidente de honra do IGADI, Xulio Ríos, a psicóloga social e gaiteira Adela Fernández Cruz, ou o comandante do Terzo de Galegos, historiador e director do Museo da Escola de Náutica da Arxentina, Horacio Vázquez.

Inclúe tamén entrevistas a referentes ineludibles como o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Ángel Seixas Seoane, xunto cunha conversa singular cun persoeiro pouco coñecido: Juan Carlos Gómez, bedel do Centro Galicia de Buenos Aires, nacido no interior da Arxentina e encargado durante décadas de coidar os obxectos legados por Castelao ao Centro Ourensán.

“Trátase dun exercicio de balance e reflexión tras doce meses dedicados a revisar e honrar a figura do rianxeiro, explorando un legado que segue vivo tanto na Galicia territorial como nas latitudes que acolleron a creación do Consello de Galiza hai 80 anos, deron prelo a Sempre en Galiza e acompañaron a Castelao ata o final da súa vida”, explicaron fontes do IGADI, engadindo que estes materiais “permiten descubrir a diversidade de persoas, organizacións e iniciativas que, 76 anos despois do seu pasamento, continúan mantendo viva a memoria e o pensamento de Castelao no mundo”.

A publicación pode descargarse de balde dende a Rede e adquirirse tamén en formato físico a través da conta de correo info@igadi.gal.

Programa especial na IGADI TV

Este mércores 7 de xaneiro emitiuse un programa especial de peche do Ano Castelao, conducido polo director do IGADI, Daniel González Palau, xunto coas investigadoras asociadas Paula Sabajanes, Facundo Reyna Muniaín e Roi Pérez Vila.

No programa participaron, entre outras persoas, o catedrático emérito Ramón Villares, a eurodeputada Ana Miranda, a exdelegada da Xunta de Galicia María Xosé Porteiro, a directora do Museo de Pontevedra Ángeles Tilve, a xornalista Montse Fajardo, así como representantes de entidades galegas no exterior da Arxentina e de Galicia.

A emisión realizouse en directo a partir das 18:45 horas a través da canle de IGADI TV en Youtube, onde ficou pendurada para a súa posterior visualización.

Outros artigos

Un motorista resultou ferido tras colidir contra un coche en Rianxo

Un motorista resultou ferido este mediodía en Rianxo tras colidir contra un coche no quilómetro 9 da estrada AC-305, á altura da parroquia de Asados. Segundo a información facilitada polos servizos de emerxencia, o home chegou a permanecer inconsciente despois do...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.