O CPC Toxo e o Concello de Noia presentan a 5ª edición da “3 Horas BTT de Noia”, que reunirá a máis de 200 ciclistas

08 Xaneiro 2026

O Concello de Noia acolleu a rolda de prensa de presentación da quinta edición da 3 Horas BTT de Noia, unha proba que se celebrará o 11 de xaneiro de 2026, a partir das 10.00 horas, no Polígono da Augalevada, e que volverá converter o municipio nun referente do ciclismo de montaña en Galicia.

No acto participaron Sandra González, concelleira de Deportes, Antonio Mato, vogal do Club Peña Ciclista Toxo, entidade organizadora, e o tesoureiro do club, José Manuel Ulloa Antelo.

A concelleira de Deportes, Sandra González, foi a encargada de abrir a presentación, agradecendo ao club a súa iniciativa e o seu traballo constante. Durante a súa intervención, destacou que “esta proba pon a Noia no foco do ciclismo galego” e subliñou a importancia dun evento que “atrae centos de deportistas, moitos deles de alto nivel, e supón un importante impacto deportivo e social para o noso concello”.

González quixo tamén recoñecer “a implicación da Federación Galega de Ciclismo e de todas as entidades colaboradoras”, ao tempo que animou “á veciñanza a achegarse a desfrutar da proba e a todos os ciclistas a inscribirse e participar nun evento xa consolidado no calendario galego”.

Pola súa banda, Antonio Mato explicou que esta quinta edición da 3 Horas BTT de Noia contará con máis de 200 ciclistas, mantendo un formato que combina esixencia física e espectáculo deportivo. O circuíto terá unha distancia aproximada de 5.400 metros por volta e un desnivel acumulado de 170 metros. Segundo indicou, “o obxectivo será completar o maior número de voltas posíbeis en tres horas dentro de cada categoría”, o que converte a proba nun auténtico reto de resistencia. Haberá categorías desde cadete ata sénior, tanto en modalidade masculina como feminina, ademais da opción de participar por parellas (masculinas, femininas ou mixtas).

No peche da rolda de prensa, o tesoureiro do Club Peña Ciclista Toxo, José Manuel Ulloa Antelo, quixo expresar o seu agradecemento “ao Concello de Noia, á Cruz Vermella e a Protección Civil pola súa colaboración e implicación, fundamentais para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da proba”. Ademais, mostrou o desexo de que “o tempo acompañe nesta edición e non se repita a cancelación que xa se produciu noutro ano”, e lembrou que “as inscricións seguen abertas a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo”.

A 3 Horas BTT de Noia preséntase así como unha cita deportiva de primeiro nivel, que combinará competición, espectáculo e promoción do deporte e do territorio.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.