O BNG reclama ao Goberno reforzar o servizo de Correos en Ribeira

31 Xaneiro 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas na cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado que leve a cabo todas as accións que garantan a plena operatividade dos servizos de Correos no concello de Ribeira. Demanda manter o horario habitual da oficina en Aguiño e implantar o servizo Correos Pay nesta localidade a través da sinatura dun convenio co Concello.

Lembra tamén que “Ribeira conta con máis de 27.000 habitantes durante boa parte do ano, cifra que aumenta de forma moi significativa nos meses de verán debido á poboación flotante e ao turismo”. Esta realidade, di, “fai imprescindíbel un servizo de Correos correctamente dimensionado, tanto en persoal como en horarios e servizos, algo que na actualidade non se está a cumprir”.

Engade que “na actualidade, o cadro de persoal de Correos en Ribeira debería estar formado por 15 carteiras e carteiros —oito urbanos e sete rurais—, mais só arredor de oito están en activo debido á falta de cobertura de baixas, vacacións e vacantes; e a esta situación súmase a sobrecarga de traballo derivada do reparto de paquetería urxente que afecta tamén aos concellos da Pobra do Caramiñal e Porto do Son”.

“Estamos diante dun claro exemplo de desmantelamento dun servizo público esencial: o persoal está sometido a unha carga de traballo excesiva e a veciñanza sofre atrasos na entrega da correspondencia, problemas na atención ao público e un empeoramento xeral do servizo” subliña Rego, engadindo que “por iso, o BNG reclama ao Goberno do Estado que garanta a cobertura total do persoal de Correos en Ribeira, procedendo a substituír todas as ausencias e cubrir as vacantes existentes por xubilacións”.

Nas iniciativas rexistradas, o BNG tamén exixe manter o horario de apertura da oficina de Correos de Aguiño, así como que apostar por melloras no funcionamento das oficinas do municipio.

Rego lembra que xa no ano 2022 o BNG promoveu iniciativas tanto no concello de Ribeira —aprobadas por unanimidade— como no Congreso para ampliar o horario da oficina principal, abríndoa algunha tarde, co obxectivo de mellorar a atención á cidadanía e favorecer a actividade económica.

Outro dos aspectos destacados polo BNG é “a necesidade de implantar no municipio o servizo Correos Pay, que permitiría o pagamento de tributos, taxas e impostos tanto nas oficinas como a través das carteiras e carteiros rurais no propio domicilio”.

“Falamos dun servizo especialmente útil para o rural e para as persoas con maiores dificultades de mobilidade ou acceso aos medios dixitais, que só require da sinatura dun convenio”, explica Rego, quen reclama ao Goberno que facilite a súa implantación en Ribeira sen máis demoras.

Finalmente, o deputado nacionalista defende que Correos, como empresa pública,” debe apostar por recuperar e diversificar servizos no rural, incluíndo servizos bancarios básicos a través da recuperación da Caixa Postal, como ferramenta para garantir a cohesión territorial e unha vida digna no medio rural”.

Pola súa banda, Luís Pérez Barral, voceiro do BNG no Concello de Ribeira lembra que “esta problemática foi abordada recentemente no ámbito municipal, derivando nunha moción presentada polo Bloque no pleno do Concello de Ribeira que foi debatida e aprobada pola unanimidade da Corporación, evidenciando o amplo consenso social e político arredor da necesidade de reforzar o servizo de Correos”.

Luis Pérez Barral, destaca “o traballo coordinado do BNG nas institucións, levando as demandas da veciñanza desde o ámbito local até as Cortes do Estado” e subliña que “Ribeira non pode seguir sufrindo a precarización dun servizo público esencial como é Correos”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

Asistimos en el tablero de Oriente Próximo a una representación dramática de la discordia entre la moral y la política. El conflicto que involucra a Irán y sus vecinos pone de manifiesto cómo el moralista político -aquel que forja una moral ad hoc para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.