O grupo político Nós Pobra emitiu un comunicado no que condena “con rotundidade” o “secuestro ilegal” do presidente Nicolás Maduro e o bombardeo de Caracas por parte dos Estados Unidos, feitos que son, en palabras da agrupación, “dunha gravidade extrema que constitúen unha agresión imperial directa, un acto de guerra e unha violación flagrante do dereito internacional”.

Engaden dende a fronte da Pobra do Caramiñal que “estes feitos non son episodios illados nin erros tácticos, senón a expresión dunha estratexia consciente de dominación, inxerencia e sometemento dos pobos que non se dobran aos intereses xeopolíticos e económicos do imperialismo estadounidense”. Para Nós Pobra, “o secuestro ilegal dun xefe de Estado e o ataque militar contra unha nación soberana representan un salto cualitativo na escalada de violencia e na negación da soberanía dos pobos”. Critican tamén que as declaracións de Donald Trump, nas que afirma abertamente que os Estados Unidos van gobernar Venezuela e facerse con todo o seu petróleo, constitúen “unha confesión explícita do carácter colonial, depredador e saqueador desta agresión, estas palabras deixan claro que o verdadeiro obxectivo non é a democracia nin os dereitos humanos, senón o control dos recursos naturais, o espolio da riqueza colectiva e a imposición dun réxime submiso aos intereses das grandes potencias e das multinacionais enerxéticas”.
Para Nós Pobra, o bombardeo de Caracas supón un crime contra a poboación civil: “A falta de confirmación oficial dun número exacto de vítimas, diversas fontes xa falan de arredor de 80 persoas mortas e centos de feridos, un balance tráxico que evidencia o desprezo absoluto pola vida humana e polas normas máis básicas do dereito internacional humanitario”.
Denuncian tamén a hipocrisía da chamada “comunidade internacional”, que cala, minimiza ou mira para outro lado cando a agresión procede dunha potencia hexemónica: “A legalidade internacional non pode aplicarse con dobre vara de medir nin converterse nun instrumento ao servizo dos máis poderosos, desde Nós Pobra reafirmamos o noso compromiso coa soberanía de Venezuela, co dereito do pobo venezolano a decidir libremente o seu futuro sen sancións, golpes de Estado, secuestros nin intervencións militares, e coa defensa dunha paz baseada na xustiza, na dignidade e na solidariedade entre pobos”.
E conclúen: “Chamamos ás forzas políticas, sociais e populares a non calar, a denunciar esta agresión e a organizar a resposta política e solidaria fronte á barbarie imperial. O silencio é complicidade; a neutralidade, unha forma de apoio ao espolio. Fronte á guerra, á inxerencia e ao saqueo, afirmamos con claridade: soberanía, autodeterminación e dignidade para os pobos”.




