Galicia quedará este mércores 21, Santa Inés, baixo a influencia das baixas presións, cunha situación meteorolóxica marcada polos ventos de compoñente oeste. Agárdase unha xornada de ceos nubrados, con precipitacións máis frecuentes e intensas na metade oeste do país, onde poderán ir acompañadas de tormentas.
Segundo a previsión, a cota de neve baixará ata os 1.000 metros durante a noite, mentres que as temperaturas experimentarán un moderado ascenso ao longo do día.
O vento soprará moderado de oeste, con intervalos fortes no litoral e en zonas altas, intensificándose na segunda metade da xornada ata moi forte. Prevénse refachos que poderán superar os 80 quilómetros por hora, polo que se recomenda extremar a precaución, especialmente nas áreas costeiras e de montaña.

O noso mar: Vento do oeste á mañá, do oeste á tarde e do noroeste á noite, forza 5 a 6 á mañá e 6 a 8 á tarde e á noite. Forte marusía á mañá e media vaga á tarde e á noite. Visibilidade mala á mañá e á noite e regular á tarde. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 3 a 4 metros á mañá, 4 a 6 metros á tarde e 5 a 7 metros á noite.



