Fernando Cabeza Quiles presenta “Toponimia de Padrón e Pontecesures” o xoves 22 na Casa de Rosalía

15 Xaneiro 2026
Fernando Cabeza Quiles na presentación do libro Toponimia de Carballo

Fernando Cabeza Quiles presentará o vindeiro xoves 22 de xaneiro na Casa de Rosalía Toponimia de Padrón e Pontecesures, a súaúltima achega a Terra Nomeada, a colección da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica (AGOn) que explica dun xeito divulgativo e ameno a orixe e o significado dos nomes de lugar dos concellos de Galicia. O coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina, e a académica Ana Boullón, en representación da AGOn, acompañarán o filólogo no acto, que comezará ás 19 horas. A entrada é libre.

Fernando Cabeza Quiles, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva de AGOn, publicou anteriormente como parte de Terra Nomeada outros tres volumes centrados nos topónimos da Estrada (2018), Carballo (2020) e Ribeira (2022).

Coas páxinas sobre Padrón e Pontecesures continúa a debuxar o seu mapa vital a través da toponimia, unha disciplina na que conflúen as súas dúas grandes paixóns: a natureza e a fala. “O meu amor pola natureza derivou no amor polos seus nomes e mais os da paisaxe, que son os topónimos”, conta.

O filólogo naceu en Ponferrada pero sendo aínda ben pequeno trasladouse coa familia á Estrada, o concello pontevedrés ao que lle dedicou o seu primeiro volume en Terra Nomeada. Pola profesión do pai, profesor de instituto, viviu tamén en Ribeira, e “por casamento” asentouse en Carballo. Mais Padrón e Pontecesures son tamén escenarios destacados da súa vida, especialmente dos anos da infancia, cando adoitaba pasar as vacacións do verán e do Nadal na casa dos avós paternos, naturais de Cesures.

O libro sobre os dous concellos que separa o río Ulla, editado pola RAG co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, detense nos arredor de cen nomes que designan as entidades de poboación de Padrón, así como nos dos montes Castro Valente, O Lapido e Meda, e mais os ríos Vello (antigo leito do Sar antes do seu desvío) e o propio Sar. Na parte de Pontecesures, analiza os nomes da súa única parroquia, Requeixo, e dos seus lugares, e mais os que identifican os montes Galiñeiro e Monte de Porto.

Aviso ás redaccións: Os medios que desexen entrevistar a Fernando Cabeza Quiles poden poñerse en contacto ata o luns 19 de xaneiro co departamento de comunicación da RAG chamando ao 604 06 44 75 ou escribindo a comunicacion@academia.gal. Os pedimentos posteriores serán atendidos exclusivamente no 981 20 73 08. Agradecemos que os pedimentos se realicen coa maior antelación posíbel.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...