Fernando Cabeza Quiles desvela este xoves os segredos dos topónimos de Padrón e Pontecesures

19 Xaneiro 2026

Fernando Cabeza Quiles presentará este xoves 22 de xaneiro, na Casa de Rosalía, o libro Toponimia de Padrón e Pontecesures, a súa última achega a Terra Nomeada, a colección da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica (AGOn) que explica dun xeito divulgativo e ameno a orixe e o significado dos nomes de lugar dos concellos de Galicia.

O coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina, e a académica Ana Boullón, en representación da AGOn, acompañarán o filólogo no acto, que comezará ás 19 horas. A entrada é libre.

Fernando Cabeza Quiles co libro Toponimia de Carballo

Fernando Cabeza Quiles, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva de AGOn, publicou anteriormente como parte de Terra Nomeada outros tres volumes centrados nos topónimos da Estrada (2018), Carballo (2020) e Ribeira (2022). Coas páxinas sobre Padrón e Pontecesures continúa a debuxar o seu mapa vital a través da toponimia, unha disciplina na que conflúen as súas dúas grandes paixóns: a natureza e a fala. “O meu amor pola natureza derivou no amor polos seus nomes e mais os da paisaxe, que son os topónimos”, conta.

O filólogo naceu en Ponferrada pero sendo aínda ben pequeno trasladouse coa familia á Estrada, o concello pontevedrés ao que lle dedicou o seu primeiro volume en Terra Nomeada. Pola profesión do pai, profesor de instituto, viviu tamén en Ribeira, e “por casamento” asentouse en Carballo. Mais Padrón e Pontecesures son tamén escenarios destacados da súa vida: Cabeza Quiles ten raíces en ambas as beiras do Baixo Ulla, onde se asentaron parte dos seus devanceiros no século XIX procedentes de Luarca e Os Oscos (Asturias); e nesta terra adoitaba pasar as vacacións do verán e do Nadal, na casa dos avós paternos, naturais de Cesures.

O libro sobre estes dous concellos, editado pola RAG co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, detense nos arredor de cen nomes que designan as entidades de poboación de Padrón, así como nos dos montes Castro Valente, O Lapido e Meda, e mais os ríos Vello (antigo leito do Sar antes do seu desvío) e o propio Sar. Na parte de Pontecesures, analiza os nomes da súa única parroquia, Requeixo, e dos seus lugares, e mais os que identifican os montes Galiñeiro e Monte de Porto.

O valor dos informantes

Fernando Cabeza Quiles traballou na redacción de Toponimia de Padrón e Pontecesures durante algo máis dun ano “porque é un libro breve, pero bastante intenso, con moita información”, salienta. Mais o volume é o resultado dun labor de moitos anos dedicados ao estudo e a recolleita de nomes da terra. “Coido que é froito dunha bagaxe que empeza en realidade cando era neno, case sen me decatar, a través do meu contacto coa zona e a súa natureza. Xa de adulto, é fundamental a lectura de moita bibliografía e, por suposto, percorrer o territorio. Teño gastado moitos coches cos topónimos!”, expresa o filólogo, cuxa primeira achega editorial neste eido, Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992), levouna ao prelo Xerais hai xa máis de tres décadas.

Pisar a terra é fundamental para comprobar hipóteses porque moitos topónimos están realmente a retratala, ao se conservar aínda á vista o detalle natural ao que se refiren algúns deles. “Cesures procede da palabra latina caesura , “corte”, e nomea a gran fenda no terreo, costa ou desnivel sobre o que se asentou o primixenio Cesures”, pon como exemplo. “Ten ademais ao seu carón outros tres nomes que corroboran o seu significado: O Castro, que sinala unha altura fortificada; Infesta, a parte máis alta dun terreo; e Requeixo, que se refire a un terreo en costa que remata nunha chaira”, detalla.

Outro esteo de calquera investigación deste tipo é a conversa cos veciños e veciñas de máis idade, engade o estudoso. “É fundamental ir aos lugares, aínda que xa pasases por alí varias veces, e volver falar coas persoas maiores. Elas son en ocasións as que che van dar ese detalle que non aparece en ningún libro e que é a clave”, valora o autor. Por iso entre os agradecementos cita a Josefa Vicente Enrique, veciña da aldea cesuresa de San Xulián; Marta Amo Doce, de Porto de Abaixo; e María Teresa Codesido, do lugar padronés do Paraíso; e tamén os “informantes anónimos” que nas súas viaxes desde Carballo a Padrón e Pontecesures lle deron “valiosas informacións dos lugares onde traballan e viven”.

Algúns exemplos

O nome da vila de Padrón, continuación medieval da contigua cidade romana de Iria Flavia, provén do latín petrōne, derivado de pĕtra, pedra. Cabeza Quiles apunta que esta voz se refire á coñecida ara votiva de época romana dedicada a Neptuno que hoxe se conserva baixo o altar da igrexa parroquial, e que “debeu ser custeada no seu día polo foro iriense para pedir protección ao deus romano das augas para os navegantes e mariñeiros que saían e entraban do outrora importante porto marítimo-fluvial da cidade”. “A alteración da vogal etimolóxica da sílaba inicial e no actual a é habitual na toponimia galega, onde se repite noutros topónimos Padrón, Padróns”, aclara. A pegada romana tamén está detrás doutros topónimos como A Calzada, na parroquia de Iria Flavia, que debe o seu nome á vía romana número XIX, sobre a que se construíu a N-550.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.