Este luns, como cada día 5 de xaneiro, efeméride do pasamento en 1936 do ilustre escritor galego Ramón del Valle-Inclán na capital galega, as localidades e entidades valleinclanianas teñen a súa cita de carácter institucional no acto de homenaxe que se realizará no cemiterio compostelá de Boisacaa partir das 12,30 da mañá. Lugar de sepultura do máis ilustre dos artistas do país, en admirativa valoración de Alfonso D. R. Castelao, reproducida na loubanza “Galicia y Valle-Inclán”, discurso pronunciado no Centro Gallego de La Habana durante a súa estadia de exilio na illa de Cuba, en xaneiro de 1939.
Convocados pola Xunta de Galicia, no intre de redactar esta información teñen confirmada a súa presencia neste evento o conselleiro de cultura, língua e literatura, Xosé López Campos; o director xeral de cultura, Ánxo M. Lorenzo Suárez; as alcaldías dos concellos de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín… e A Pobra do Caramiñal, Xosé Carlos Vidal Suárez; as persoas titulares dos departamentos de cultura en Vilanova da Arousa, Xabier Tourís, Cambados, Liso González e A Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo Nine; concelleiros de Santiago, o neto, biógrafo e presidente do Foro Galicia e Valle-Inclán, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, xunto cos padroeitos desta asociación de ámbito galego, Ángel Varela Señoráns, Xosé María Fernández Pazos e Gloria Rico.
Trátase dunha das citas senlleiras dentro do calendario de actividades valleinclaniallas organizadas anualmente no país, a carón das Xornadas de Homenaxe ao universal escritor ofertadas cada mes de outubro na Vila do Caramiñal.





