A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS) encargarase da xestión do novo albergue de peregrinos da Chaínza, no municipio de Noia, o primeiro de carácter público que entra en funcionamento no Camiño da Ría de Muros Noia. O obxectivo é que o albergue estea operativo durante a próxima Semana Santa e funcione como experiencia piloto ata o mes de outubro.

A decisión foi adoptada esta mañá durante a asemblea xeral de socios da FICS, celebrada no Casino de Noia. A entidade, sen ánimo de lucro, está formada por peregrinos e especialistas de distintos países e ten como misión a defensa e divulgación dos valores do Camiño de Santiago como patrimonio cultural europeo.
O presidente da FICS, Juan Carlos Pérez Cabezas, destacou a aposta do Camiño da Ría de Muros Noia polo modelo de albergues tradicionais, en consonancia cos principios da fraternidade. “É unha fórmula que require o esforzo inicial da poboación local para dotarse de instalacións, pero que necesita tamén da alma que achegan os voluntarios de todo o mundo, que de forma altruísta acollerán ao peregrino” , sinalou.
Pola súa banda, o socio fundador da FICS, José Antonio de la Riera, subliñou a importancia deste novo proxecto para a entidade e para Galicia, xa que o da Chaínza será o cuarto albergue xestionado pola fraternidade tras os de Grao, Nájera e Canfranc. Así mesmo, puxo en valor o esforzo do Concello de Noia e afirmou que a FICS traballará “con entusiasmo e altruísmo absoluto” para potenciar o Camiño da Ría de Muros Noia.
Durante a xornada, os socios da FICS visitarán as instalacións do albergue da Chaínza, onde se ultiman os traballos para a súa apertura. Paralelamente, a Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia colabora coa FICS na organización de distintas actividades abertas á cidadanía. O tesoureiro da Asociación e alcalde de Noia, Francisco Pérez, foi o encargado de dar a benvida aos participantes e presentar o certificado “Portus Apostoli” para peregrinos.
O programa de actividades incluíu tamén a conferencia “Camiño Muros Noia a Santiago” , a cargo do historiador e escritor Antón Pombo, quen destacou as singularidades desta ruta xacobea, caracterizada polo seu suave perfil, curta distancia e ausencia de aglomeracións. A xornada complétase cunha mesa redonda sobre o presente e futuro do Camiño da Ría de Muros Noia, unha visita guiada a Noia e ao albergue da Chaínza, e unha cea de confraternización.




