A responsábel de Mar do BNG no Parlamento galego, a pobrense Rosana Pérez, reclamou este martes 20 de xaneiro ao Goberno de Rueda que lle solicite ao Estado a suspensión total das autorizacións das zonas E8, B e D, correspondentes ás rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, como puntos de vertido de materias procedentes de dragaxes.
A ambos gobernos pediulles que “deixen de seguir usando as rías galegas como vertedoiros”, e ao PP urxiuno para que “lle solicite ao Goberno español a suspensión inmediata dos vertidos en caladoiros de pesca, alomenos ata que os informes conclúan que esas zonas non supoñen afectación nin para o medio ambiente nin para o sector pesqueiro”, sinalou.
“É moita hora”, dixo, emprazando a ambas administracións a que, mentres non se suspendan os vertidos, implementen alternativas como o tratamento en terra dos lodos extraídos para que estes non afecten aos ecosistemas das rías, á fauna e á actividade pesqueira

Na súa intervención na Comisión de Pesca, Pérez recalcou que “tanto os informes do propio Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) como o remitido a Portos de Galiza pola Subdirección Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña explicitan os riscos ambientais ao medio mariño derivados das partículas en suspensión e o lugar final de sedimentación”.
Tamén debullou “os danos que poden provocar noutros lugares os vertidos durante o seu transporte”, ademais da posibilidade de favorecer a propagación de especies invasoras. En definitiva, a deputada do BNG advertiu que o que se determina nos informes é que que as novas zonas, B e D son “máis axeitadas” que a descartada E8 (na Arousa), pero que non se consideran “nin inocuos nin faltos de perigo”.
Criticou ademais que no informe non se avalíen ou se estuden as consecuencias socieoconómicas nin a afección aos caladoiros e á actividade pesqueira, e que “nin sequera se tivese en conta” o rexeitamento aos puntos de dragado trasladado por distintos colectivos do mar, lamentou.
Referiuse así á oposición amosada por entidades como a Organización de Produtores de Pesca do Porto de Marín (a OPP-08 Opromar) á zona B, na ría de Pontevedra, debido, dixo, “aos graves prexuízos que lles causaría á súa actividade pesqueira”. Segundo indicou, a zona coincide cunha praia de traballo diaria, cuestión que, “non se tivo en conta á hora de avaliar a localización dos puntos de vertido”.
Así mesmo, afirmou que a zona D, situada fronte á ría de Vigo, localízase xusto a partir da profundidade mínima onde a modalidade do arrastre pode operar.



