
Comeza un novo ano pero os vellos problemas continúan estando presentes na sociedade. A Educación Pública, a Sanidade Pública, a Dependencia, a Vivenda, o Paro, a Violencia de Xénero, a Igualdade, a Xustiza Social, a Desigualdade, a Violencia, as Drogas, a Inseguridade Cidadá… Toda unha serie de cuestións que se eternizan no tempo e que teñen tantas solucións como grupos sociais ou políticos existen nunha sociedade cada vez máis apática e indiferente.
Os diferentes gobernantes do noso país, desde o goberno central aos autonómicos, provinciais e locais non se cansan en sinalar como un problema fundamental o da Vivenda pero moi poucos son os valentes que se enfrontan á realidade.
A Vivenda nunca será un Dereito mentres existan especuladores e os grandes propietarios de inmobles non teñan limitado a súa voracidade e desenfreo por conseguir o maior beneficio económico, á conta dun ben esencial e fundamental.
A Sanidade e a Educación Públicas terían que ser os piares de calquera sociedade democrática pero os intereses económicos particulares animan a demasiados gobernantes a promocionar a sanidade, os seguros sanitarios privados e a educación privadas, a través de concertos con hospitais, clínicas privadas e empresas aseguradoras así como a potenciación de colexios e universidades privadas, en detrimento de a calidade da sanidade e a educación públicas.
A Dependencia e as Residencias públicas son tratadas, en moito ocasións, como algo residual que pertence ás clases menos favorecidas e por tanto non crear as prazas necesarias na residencias nin se resolven as prestacións e coberturas para as persoas dependentes, nun prazo prudencial para favorecer o negocio privado. Quen pode pagar unha praza nunha residencia privada ou o xusto salario a un coidador?.



