Activada para este luns a alerta vermella por chuvia no interior de Pontevedra e laranxa en zonas da provincia de Ourense

25 Xaneiro 2026

Suspéndense as clases e o transporte escolar toda a xornada de mañá nos centros educativos e escolas infantís do interior de Pontevedra

 Xunta enviou este domingo un Es-Alert por alerta vermella de fortes choivas este luns, no interior da provincia de Pontevedra, de maneira preventiva para garantir a seguridade da poboación, ante “o elevado risco de inundacións asociadas a precipitacións intensas”.

A mensaxe foi enviada aos móbiles dos cidadáns que se atopan nos 16 municipios do interior da provincia de Pontevedra afectados pola previsión de fortes choivas, varios deles lindeiros coa provincia de Ourense.

Trátase dos concellos de Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

A Xunta vén de activar para mañá a alerta vermella por chuvias no interior de Pontevedra e laranxa no noroeste, sur e zona do Miño de Ourense. Tamén haberá alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Ademais, o 112 advirte de que durante a activación da alerta vermella é recomendable activar o Plan de Emerxencia Municipal do concello (PEMU) ou o Plan de Acción Municipal (PAM) ante inundacións no caso de telo.

Segundo os organismos predictores a alerta vermella actívase por precipitación acumulada que pode acadar os 150 mm. en 12 horas e no noroeste, sur e zona do Miño de Ourense 80 mm en 12 horas por alerta laranxa. Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Debido á alerta vermella por choiva, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases e o transporte durante toda a xornada de mañá, luns 26, nos centros educativos e nas escolas infantís da zona Interior de Pontevedra.

Así mesmo, debido á alerta laranxa por choiva, no día de mañá quedan suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos en tres zonas da provincia de Ourense: Noroeste, Miño e Sur.

Os concellos afectados polas distintas suspensións poden consultarse no portal educativo.

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade que se realicen mañá no exterior nestas zonas. Os municipios e os horarios afectados poden consultarse na web Deporte Galego.

Continúa ademais a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Mantense polo tanto a suspensión da actividade deportiva no mar.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.