A Ría da Estrela presentará en FITUR dúas novas peregrinacións marítimas

16 Xaneiro 2026

A Ría da Estrela (a mancomunidade turística dos concellos da ría de Muros e Noia) escolleu FITUR, o certame internacional de turismo máis importante por volume de participantes e asistentes, para presentar dúas importantes novidades da súa oferta turística:

-A sexta edición da Ruta Rías Baixas-Camiño da Ría de Muros Noia, que tras converterse na peregrinación marítima máis numerosa da historia moderna e na actividade náutica non competitiva con maior número de participantes na Europa atlántica, agora afrontará o desafío de medrar cara Portugal

-E a realización dunha segunda ruta na que as embarcacións fondearán nas augas das rías galegas e seguirán unha modalidade máis ligada á navegación histórica de mariñeiros como Pietro Querini, unha das primeiras ruta de peregrinación documentadas do Camiño da Ría de Muros Noia e base da ruta cultural Vía Querinissima que vencella a catorce países de Europa.

    “Queremos achegar o mar a Compostela, porque o noso Camiño de Santiago non comezaba en terra, senón no mar, a moitas millas de distancia. De aí que o Camiño da Ría de Muros Noia estea consolidándose como a única forma efectiva, comercializable e histórica de peregrinar a Compostela por mar, rememorando as travesías que seguiron milleiros de peregrinos dende a Segunda Cruzada ata a odisea de Pietro Querini no século XV”, asegura Luís Oujo Pouso, presidente da ARD Ría de Muros Noia e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia.

    Dúas novidades que serán presentadas o próximo xoves 22 xaneiro, ás 16:30 horas, no marco dun recinto feiral con 9.500 empresas participantes, procedentes de 156 países, e polo que pasarán máis de 155.000 visitantes profesionais. Un acto, denominado O Camiño Marítimo, unha singradura histórica cara a Compostela, que será no stand de Galicia en FITUR e que será retransmitido vía streaming a través da web @riadaestrela. Luís Oujo estará acompañado por Roberto Ciambetti, presidente do Consiglio Regional del Veneto e presidente da Asociación Vía Querinissima, que o vindeiro mes de xuño será examinada polo Consello de Europa para conseguir o seu recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo. Canda eles estarán representantes dos concellos que integran a Ría da Estrela e a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, así como por responsables do Monterreal Club de Yates de Baiona e do Real Club Náutico de Portosín, como organizadores da VI Ruta Rías Baixas-Camiño da Ría de Muros Noia.

    Novidades

    Outra das novidades desta ruta será que por primeira vez non se limitará o número de participantes, despois de que na edición de 2025 se tivera que ampliar ata 55 embarcacións e máis de 200 tripulantes, fronte á media de 30-35 veleiros rexistrada nas catro primeiras edicións. “O interese que espertou esta peregrinación marítima máis aló das nosas fronteiras fai que este ano apostemos por realizar unha etapa prólogo en augas portuguesas”, sinala Luís Oujo, quen detalla que “os patróns que así o desexen poderán iniciar a navegación en Oporto, con reagrupamentos en Esposende e Viana do Castelo”. Deste xeito, cómprese tamén co compromiso adquirido o pasado mes de novembro coas autoridades portuguesas.

    A segunda ruta seguirá unha modalidade máis vencellada á navegación histórica seguida por navegantes como o veneciano Pietro Querini. Así, as embarcacións que participen non amarrarán nos portos deportivos, senón que fondearán directamente nas augas das rías galegas. Unha navegación que seguirá o percorrido empregado polos peregrinos que quedou recollido no estudo de historicidade do Camiño da Ría de Muros Noia e que foi valorado polo Arcebispado de Santiago á hora de concederlle a Compostela a aquel peregrino que complete un mínimo de 100 millas náuticas e chegue andando a Compostela.

    Éxito das peregrinacións marítimas

    Se hai tan só un ano, a Ría da Estrela presentaba en FITUR o seu primeiro Catálogo de Peregrinacións Marítimas con 3 maneiras distintas para realizar esta peregrinación, a vindeira semana recolleranse moitas máis: por libre, coa axuda de asociacións de clubs náuticos, participando en rutas organizadas con embarcación propia, alugando un barco con ou sen patrón, alugando prazas de camarotes… Algo que é posíbel grazas á colaboración das navieiras Sailway e Jules Verne Náutica, da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA) e do Monte Real Club de Yates de Baiona.

    Así mesmo, porase en valor a posibilidade de obter a Compostela a través dunha ruta xacobea con etapas non demasiado extensas e que permiten camiñar, pararse, contemplar, meditar, interiorizar. Fronte a outros Camiños nos que os peregrinos inician o percorrido co amencer para chegar o antes posíbel ao destino, o Camiño da Ría de Muros Noia convida ao camiñante a desfrutar dos espazos e das paisaxes, a deterse e visitar monumentos históricos e artísticos. Desde lugares como o Castro de Baroña ou o enclave de Toxosoutos, ata o casco histórico muradán ou o Portus Apostoli noiés.

    Outros artigos

    Publicidade

    Revista en papel

    Opinión

    “Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

    “Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

    Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

    “Leire”. Xulio Xiz

    “Leire”. Xulio Xiz

    Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...