A ANPA do CEIP O Grupo de Ribeira celebra o Día da Paz e comparte o seu completo calendario de actividades para este curso

31 Xaneiro 2026

A ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira celebrou este venres 30 de xaneiro, con actividades de lecer e creativas coa rapazada desenvolvidas no comedor escolar (xestionado pola ANPA cos seus propios recursos, principamente), o Día Internacional da Paz.

Dende a asociación lembran que se ben a previsión era facer ao aire libre unha solta de mensaxes pola paz amarradas a globos de helio (seguindo o formato da actividade do ano pasado), o mal tempo imposibilitou a actividade prevista para poñer o foco nun obradoiro creativo de debuxo e deseño de desexos de paz para que as e os escolares puideran levalos para as súas casas.

A mensaxe foi “que tod@s queremos un mundo en PAZ, sen guerras, sen fame, con liberdade e igualdade”.

Dende a ANPA informaron de que o programa de actividades para esta tempada vén con mancheas de propostas:

-En xaneiro o 30, DÍA MUNDIAL DA PAZ.

-En febreiro o 21 e 23, DÍA DA LINGUA MATERNA E DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO.

-En marzo o 21 e 27 (celebraremos o 27), DÍAS MUNDIAIS DA POESÍA E DO TEATRO.

-En abril o 2 e 23 (celebraremos o 23) DÍA DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL E DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO.

-En maio o 17 (celebraremos o 15), DÍA DAS LETRAS GALEGAS, dedicado a Begoña Caamaño.

-En xuño o 5 e 8 (celebraremos o 5), DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE E DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS.

E engaden: “Tamén levamos a cabo outras actividades extraescolares ao longo da semana, como son patinaxe iniciación e perfeccionamento, parkour, ximnasia acrobática, baloncesto, fútbol, música divertida, baile moderno, inglés, cociña infantil creativa, etc, e este curso organizamos unha moi proposta divertida e multidisciplinar chamada Rechinar na escola, que se celebra os martes e xoves pola tarde, de 16 a 18 h e onde se fan distintos obradoiros, ciencia divertida, traballos manuais, teatro e danza, música, cinema ou ata cociña”.

Estas actividades, indican, “ademais dun divertimento, ter prezos económicos e ter lugar no recinto do centro educativo (pavillón, comedor, aula de aprendizaxe, colexio), serven tamén para a conciliación das familias, xa que deste xeito, dende as 9 h ata as 18 h os pais e nais poden ter aos fillos/as practicamente todos os días da semana no colexio”.

Na actualidade a ANPA conta con 124 familias socias que representan a 320 alumnos do colexio (rexistrados) dos 430 existentes (o ano pasado chegamos a ter 137 familias socias), polo que a asociación fai un novo chamamento ás familias para que se asocien. Indican que poden facelo ingresando a cota na conta da entidade en Abanca e enviando os datos do titular (nome, apelidos, DNI, teléfono, correo e nome e curso dos alumnos ao correo anpaogrupo@yahoo.es e de seguido lles será enviado o seu carné dixital de socia/o).

“Neste intre”, engaden, “estamos a organizar xa as celebracións do Entroido, serán para o conxunto do alumnado no propio colexio e para todas as socias/os gratuíto e cun prezo por determinar para os non socios (que poderán asociarse alí mesmo) o venres 13 de febreiro pola tarde no pavillón do colexio, con todo tipo de actividades, merenda e espectáculo dun famoso mago”.

Tamén convocan a todas as socias á asemblea xeral ordinaria do vindeiro luns 16 de febreiro ás 17:30 h en primeira e ás 18:00 h en segunda convocatoria na Aula de Aprendizaxe do colexio (edificio da antiga comisaría de policía), para tratar temas como: estado e aprobación das contas anuais, proxecto e actividades para este curso, estado actual de obras, persoal e servizos no colexio e convocatoria de eleccións á xunta directiva antes do remate deste curso.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.