
Este sábado 6 de decembro celébrase a XXXVIII edición do Trofeo Ciclocross Concello de Boiro, con epicentro en praia Xardín, a partir das 10.00 horas.
A proba está organizada polo Club Ciclista Barbanza en colaboración co Concello de Boiro.
Nesta proba deportiva participan as categorías infantil, cadete, junior, sub23 e master 30-40-50-60; en categorías masculina e feminina. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, animou aos deportistas a que “se inscriban nesta proba que está deseñada para todas as idades”.
O circuíto é de 3.000 metros e está situado nas inmediacións do río Coroño, collendo o piñeiral, un anaco da praia de Barraña e tamén parte da avenida de Compostela.
“Tratase dunha proba xa consolidada do ciclocross e moi atractiva polo enclave no que se desenvolve”, sinalou na presentación da cita deportiva Carlos Muñiz, da Federación Galega de Ciclismo.
A proba puntúa para a Copa Galicia do Porvir e tamén puntúa para o ranking de España e está prevista a participación duns 300 deportistas. “Participan clubs deportivos de toda Galicia e tamén do resto de España”, afirmaron por parte do Club Ciclista Barbanza.
O alcalde, José Ramón Romero, animou á veciñanza a achegarse este sábado ás inmediacións do estuario do río Coroño, en raia Xardín, “para presenciar esta proba que está máis que consolidada no calendario deportivo do noso concello”.



