A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, acompañada polo concelleiro de Deportes, Álex Vidal, participou este martes na presentación da XV Ruta do Nadal BTT, unha cita deportiva xa consolidada no calendario local que se celebrará o domingo 28 de decembro a partir das 09.00 horas. A saída e chegada estarán situadas no Complexo Deportivo da Fieiteira e a organización agarda reunir arredor de 300 participantes.
A proba está organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa Asociación de Veciños de Carreira, Arousa NeO, Os Saltamontes, Sportbike e Dalle Pedal. Trátase dunha ruta cicloturista non competitiva na que os participantes poderán escoller entre dous percorridos, de 30 ou 40 quilómetros, con diferentes niveis de dificultade. O itinerario curto contará con arredor de 800 metros de desnivel positivo, mentres que o longo superará os 1.000 metros.

Durante a presentación, a rexedora destacou que “o Nadal en Ribeira é sinónimo de cultura, pero tamén de deporte”, subliñando que esta ruta permite gozar dos recursos naturais do municipio ao tempo que se fomenta a práctica deportiva. María Sampedro puxo en valor, ademais, a colaboración co tecido asociativo local, “forte e dinámico”, e avanzou que a proba contará cun operativo de seguridade no que participarán a Policía Local e o GAEM de Ribeira.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes sinalou que a Ruta do Nadal BTT é “unha maneira diferente de desfrutar destas datas”, enmarcada na aposta municipal por dinamizar o deporte ao longo de todo o ano e promover hábitos de vida saudables. Durante o percorrido habilitaranse dous puntos de avituallamento para os participantes.
En representación dos colectivos colaboradores, Eduardo Iglesias (Arousa NeO) e Juan Santos (Os Saltamontes) destacaron a beleza das paraxes polas que discorrerá a ruta e avanzaron algunhas novidades no trazado, con novos tramos en zonas como Palmeira, Artes ou Carreira.
A recollida de dorsais realizarase o propio día da proba entre as 08.00 e as 08.45 horas. As inscricións poden formalizarse a través da web www.galitiming.com ata o 23 de decembro ás 12.00 horas, cunha cota de 10 euros. Ao tratarse dunha proba non competitiva, non haberá clasificación, aínda que se publicará un listado informativo de participantes por orde alfabética co tempo empregado.



