O Concello de Ribeira levou a cabo nos últimos días unha actuación centrada na limpeza e mellora estética do mobiliario urbano nas rúas Galicia e Rosalía de Castro, dúas das principais arterias do centro da cidade.

A concelleira de Obras, Herminia Pouso, explicou que para estes traballos se contratou unha empresa especializada que se encargou da eliminación de grafitis, da retirada de cartelería obsoleta, do abrillantado do mobiliario metálico prateado e da pintura dos elementos de madeira.
A intervención incluíu actuacións sobre bancos, contedores, macetas, papeleiras, postes, caixas de correos, unha cabina telefónica, caixas de electricidade e un balado de madeira, co obxectivo de recuperar o bo estado destes elementos urbanos.
Segundo destacou a edil, “esta medida busca mellorar a estética de rúas céntricas que presentaban un importante nivel de deterioro, principalmente por pintadas e acumulación de cartelería obsoleta. Trátase de zonas peonís con alta presenza de vivenda, comercio e hostalería, polo que era necesario dignificar e recuperar o mobiliario urbano”.
Os traballos foron executados pola empresa LGM Arousa S.L. e supuxeron un investimento total de 4.114 euros, IVE incluído.




