O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou este martes 16 de decembro en Boiro o impulso do Goberno de España á renovación das infraestruturas públicas en Galicia cun investimento de máis de 50 millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP) Local. Pedro Blanco supervisou o comezo das obras de mellora da Casa da Cultura, beneficiadas polo PIREP, xunto ao alcalde, José Ramón Romero; o tenente de alcalde, Luis Ruiz, e a concelleira de Cultura, María Outeiral.

Pedro Blanco subliñou que o impulso do Goberno de España “chega a todas as vilas de Galicia” e “faino con criterio, xa que investimos onde o necesitan os concellos galegos, dando resposta aos problemas da súa veciñanza”. Seguindo esta liña, Pedro Blanco puxo en valor o éxito do PIREP na comunidade, onde financia 49 proxectos “evidenciando o noso compromiso municipalista”.
“Este espírito de impulso aos concellos evidénciase en Boiro”, dixo, xa que o Concello recibe máis dun millón en medio de euros do PIREP para a modernización da súa Casa da Cultura.
A mellora, que xa está en marcha, “ten como obxectivo dotar dun novo auditorio ao edificio, así como dunha biblioteca renovada que conte cunha sala de estudo, unha de informática, unha ludoteca e un arquivo capaces de dar resposta ás necesidades da veciñanza”, informou o alcalde José Ramón Romero, engadindo que a parte principal do proxecto será a ampliación das instalacións, pasando de 1.792 a contar con 2.927 metros cadrados.
Na nova Casa da Cultura convivirán unha parte administrativa, na que se distribuirán distintos espazos de traballo e atención ao público, unha sala de reunións e estancias destinadas a almacén e arquivo.
O novo edificio será eficiente enerxeticamente grazas á mellora do illamento térmico e á instalación de placas fotovoltaicas. Ademais, será totalmente accesible ao crearse un percorrido desde a avenida da Constitución con zonas de sombra, reducindo as pendentes.
Pedro Blanco puxo tamén en valor o impacto do total dos máis de 3,6 millóns de euros do Goberno de España cos que se beneficia o Concello de Boiro, onde realiza investimentos tan relevantes para a súa veciñanza como a modernización do Centro Comercial Aberto, o impulso á dixitalización co Plan UNICO e á súa eficiencia enerxética a través do IDAE, a dinamización turística co Plan de Sostibilidade do Barbanza ou a loita contra a violencia machista mediante o Pacto de Estado.
O Goberno tamén beneficia a Boiro co PIREP Local, que se revirte nas devanditas melloras da Casa da Cultura.
Impulso do PIREP á comarca do Barbanza
Ampliando o foco á comarca do Barbanza, o Goberno inviste máis de seis millóns de euros mediante o PIREP nos concellos de Rianxo (978.709,98 €), Porto do Son (241.537,50 €), Ribeira (3.375.427,40 €) e Boiro. Neste concello a transformación da súa Casa da Cultura faise con 1.562.468,62 € derivados destes fondos para a súa mellora integral.
No total dos municipios galegos o PIREP leva mobilizados para un total de 43 concellos unha cifra superior aos 50 millóns de euros, 21,5 destinados a 14 concellos da provincia da Coruña. Este programa ten unha división autonómica, a través da que o Goberno lle transferiu á Xunta máis de 27 millóns de euros para obras de mellora en edificios públicos da súa titularidade.



