Os concellos do Barbanza viven o Nadal cunha manchea de actividades e propostas para maiores e (sobre todo) para pequenos

23 Decembro 2025

O Nadal estase a vivir a tope no Barbanza. Este 23 de decembro quixemos compartir a axenda dos concellos, co obxectivo de axudar aos nosos lectores (especialmente á rapazada) a sacarlle o máximo partido ás celebracións na comarca.

Na Pobra

A Concellería de Promoción Económica da Pobra do Caramiñal ten preparado un amplo programa de actividades para as vindeiras semanas. A oferta inclúe as rutas do Tren do Nadal, a visita de Santa Claus, ruadas musicais e o espectáculo do Apalpador e Os Monifates. Todo, segundo adiantou o Concello, cun claro obxectivo: “Contribuír á dinamización social e económica da Pobra durante estas datas”.

As actividades están encadradas dentro do programa Volve o Nadal, volven as caramiñas. Arrincaron coas saídas do Tren do Nadal a fin de semana do 12 ao 14 de decembro.

O sábado, 20 de decembro, ás 18.00 horas o Concello celebrou o desfile de Nadal polas rúas do municipio.

O mércores, 24 de decembro, a partir das 11.30 horas haberá unha ruada a cargo dos Dixie Kings con Paty Lesta. Por último, o sábado, 27 de decembro, os cativos e cativas poderán gozar do Apalpador e Os Monifates, un espectáculo que mestura música e monicreques e que se celebrará a partir das 18.00 horas na praza de abastos.

Informar tamén que o día 5 de xaneiro será un dos días grandes do Nadal na Pobra, co tradicional paseo da Cabalgata dos Reis Magos polas parroquias (primeiro) e polas rúas da Pobra (despois).

Ademais, o Concello da Pobra volve apostar este ano pola conciliación das familias do municipio co lanzamento dunha nova edición dos Obradoiros de Nadal. As actividades de conciliación desenvolveranse no CEP Salustiano Rey Eiras desde o luns, 22 de decembro, ata o mércores, 7 de xaneiro (ambos incluídos). En canto ao horario de atención, este será de 9.00 a 14.00 horas, e as familias terán a posibilidade de solicitar o servizo de Madruga e o de Comedor. Ao longo do programa, os nenos e nenas poderán gozar de distintas actividades de dinamización e recibirán, ademais, a visita de Papá Noel e do Paxe Real das Súas Maxestades de Oriente.

A nivel de dinamización empresarial, a Concellería de Promoción Económica da Pobra estimulará o consumo no comercio local durante o Nadal. Farao a través do reparto de vales por valor de 6.200 caramiñas (6.200 euros). O obxectivo da iniciativa é achegar á cidadanía ás rúas do municipio, animándoa a descubrir e a fotografar os recunchos destas festas sinaladas. Estas imaxes son, precisamente, as que lles permitirán optar a bonos regalo Caramiñas por valor de 200 euros que poderán gastar naqueles negocios adheridos á campaña municipal.

A acción estará dispoñíbel até o 31 de decembro. Poderá tomar parte na mesma calquera persoa maior de 14 anos e que posúa unha conta propia na rede social Instagram. Para que a participación poida ser válida, o perfil deberá ser público ou, en todo caso, a persoa terá que enviar unha captura de pantalla por mensaxe directa.

En canto á mecánica, a persoa terá que facer, como mínimo, unha fotografía nalgún dos espazos de Nadal existentes e que, ademais, deberá compartirse en stories coa mención da conta do sorteo @caraminhasnapobra. O usuario ou usuaria pode publicar tantas imaxes como desexe, pero estas non poden ser repetidas e unicamente se contabilizará unha publicación ao día a efectos do sorteo.

O Concello rifará 200 Caramiñas diarias, realizándose o primeiro dos sorteos o propio día 1. Todos os xoves daranse a coñecer as persoas gañadoras que tomaron parte desde a semana anterior. A selección destas farase por medio dunha aplicación que as elixirá de xeito aleatorio. Unha vez se teña o resultado, a organización revelará o nome dos agraciados, os premios e as fotografías galardoadas a través das redes sociais de Caraminhas na Pobra. En canto á recollida dos vales, esta será cada sábado no Fogar do Nadal habilitado na Oficina de Turismo, entre as 11.00 e as 13.00 horas.

En Noia

O Concello de Noia presentou o 12 de decembro o seu programa de Nadal: un extenso calendario de propostas “pensado para dinamizar a vila durante as festas e ofrecer propostas de lecer para todos os públicos”, informou o alcalde Francisco Pérez, acompañado de Abel Pan, concelleiro de Festexos, e Alba Expósito, presidenta de Noia Histórica, quen coincidiron en destacar “a aposta decidida por un Nadal participativo, inclusivo e con forte impacto social e económico”.

O anuncio do programa coincidiu co prendido das luces, con centos de persoas desfrutando do concerto de panxoliñas e do chocolate con churros servido polo Concello.

Entre as novidades atópase a 1ª edición do Mercado de Nadal (do 18 ao 24), que converte O Tapal nun espazo cheo de postos de artesanía, mentres que a Alameda acolle postos de alimentación e restauración. Arredor destes dous emprazamentos desenvolveranse múltiples actividades, como obradoiros infantís, animación polas rúas e a presenza de personaxes tan queridos como o Grinch, o Apalpador e Papá Noel, que recibirá aos nenos e nenas na súa casa situada na praza do Tapal.

O programa complétase cunha ampla oferta musical, con concertos no palco da música, así como ruadas musicais e actuacións da Banda de Música Municipal e do Conservatorio, reforzando o protagonismo da música local durante estas datas.

Noia celebrará tamén o día de Fin de Ano cunha programación especial. Pola mañá haberá unha festa de pre-Fin de Ano na Alameda, con badaladas matinais e animación musical, contándose coa presenza de Oswaldo Digón. Xa pola noite, instalarase unha carpa climatizada exterior na praza do Curro para celebrar a chegada do novo ano cunha gran festa animada pola Disco Chocolate.

Ademais, este ano Papá Noel visitará todas as parroquias de Noia e o Concello aposta por recuperar unha Cabalgata de Nadal á altura dunha vila como Noia, reforzando a tradición e a ilusión dos máis pequenos.

A presidenta de Noia Histórica, Alba Expósito, puxo en valor a colaboración entre a asociación empresarial e o Concello, destacando que “traballar da man permite crear un Nadal máis atractivo, que anime á xente a mercar no comercio local e a gozar da vila”. Expósito lembrou tamén a participación da entidade no Sorteo do Décimo, unha iniciativa xa realizada o ano pasado que convida á cidadanía a reutilizar os seus décimos non premiados para participar novamente.

En Boiro

O Concello de Boiro e a Asociación Boirense de Empresas levan a cabo unha gran proposta lúdica para o Nadal pensada para os mais pequenos e para incentivar as compras. A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou a programación xunto co presidente da ABE, Daniel García.

Dende o departamento de Cultura do Concello prográmanse actividades pensadas para os mais cativos, que se conxugan con espectáculos teatrais e propostas das entidades culturais do municipio.

A programación comezou o 12 de decembro con Chegar e encher de Inventi Teatro no CS de Abanqueiro, a mostra da Camelia os días 13 e 14 de decembro, o espectáculo de Paco Nogueiras o domingo 14 no Mercado e os festivais da Asociación Cultural de Abanqueiro e Xilbarbeira.

O sábado 20 de decembro houbo un espectáculo infantil de maxia con Dani García no local multiusos do mercado municipal e o 21 de decembro celebrouse o festival de Nadal de Cen Pliés. Para o venres 26, espectáculo infantil de Charo Pita; o sábado 27, espectáculo de Luis Vallecillo e o domingo 28 festival de Nadal de Aroña.

O luns 29 de decembro haberá na praza de Galicia, un espectáculo familiar de Fredi e o martes 30 concerto de Versionettes. A programación do Nadal continúa en xaneiro coa visita das Raíñas Magas ás parroquias, o domingo día 4 e a tradicional Cabalgata de Reis o luns día 5.

Esta programación complementase coas propostas que leva a cabo a ABE no marco da campaña Boiro, corazón do Nadal que se vai desenvolver entre o 10 de decembro e o 3 de xaneiro. “Trátase dunha das campañas máis importantes do ano para o tecido empresarial boirense, na que a ABE aposta por accións que combinan promoción comercial, participación cidadá e iniciativas de carácter social”, afirmou o presidente da ABE, Daniel García.

Este ano a ABE incorpora unha das grandes novidades da campaña: un parque infantil temático, que estará activo os días 22 e 23 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, de 16:30 a 20:30 h, no Polideportivo da Cachada. O espazo contará con zona de inchábeis, música e photocall, unha zona infantil con xogos, buzón real e sorteo de 3 festas de aniversario valoradas en 100€ cada unha entre as cartas; recepción de Papá Noel o martes 23 as crianzas poderán facerse unha foto con el e recibirán un cono de chuches totalmente de balde e sen ter que presentar convite; obradoiros infantís en colaboración con entidades sociais: AGADEA, Amicos e Cruz Vermella Boiro; e degustacións de flocos de millo, chocolatada e doces.

Os días 29 e 30 de decembro, as rúas e negocios de Boiro recibirán as visitas do Elfo e do Paxe Real, que realizarán reparto de bolsas de lambetadas e animarán as compras nos establecementos.

A campaña fará fincapé nos aguinaldos empresariais, unha ferramenta que permite ás empresas agasallar ao seu persoal con bonos ABE, válidos para mercar en máis de 200 negocios locais.

Entre as primeiras accións da campaña, a ABE inicia o reparto das tradicionais axendas e dunha das novidades máis destacadas: o Calendario de Parede 2026, ilustrado por Andrés Camilo Noal, alumno do obradoiro de pintura da artista e empresaria asociada Paola García Paz. A ABE quere “poñer en valor a creatividade local, destacando a sua calidade e talento, convertendo esta peza nun elemento único”. Xunto a isto, os negocios recibirán tamén a bolsa especial da campaña.

Tanto a bolsa como o calendario formarán parte dos 500 agasallos directos que se entregarán aos primeiros clientes que participen na campaña.

O tradicional sorteo de Nadal volve ser un dos grandes atractivos da campaña. Os clientes que merquen nos negocios asociados entre o 10 de decembro e o 3 de xaneiro poderán trocar os seus tíckets por rifas nos puntos habilitados, a razón de 1 rifa por cada 10 € de compra (máx. 5 rifas por tícket).

Os puntos de troco estarán situados diante do Mercado Municipal os días 16 e 19 de decembro de 11:30 a 13:30 horas; no Polideportivo da Cachada os días 22 e 23 de decembro de 16:30–20:30 horas e os días 2 e 3 de xaneiro de 16:30–20:30 horas.

Entre todos os participantes sortearanse 3 premios de 1.000 € en vales de compra, nun acto presencial que terá lugar o 3 de xaneiro ás 21:00 h no Polideportivo da Cachada. Os 500 primeiros clientes que cambien tíckets por rifas recibirán un agasallo directo (200 primeiros calendario de parede e os 300 seguintes, bolsa de nadal exclusiva da campaña)

A campaña destaca tamén pola súa vertente solidaria, coa participación activa de entidades como AGADEA, Amicos e Cruz Vermella Boiro, que ofrecerán talleres infantís no Polideportivo da Cachada.

Ademais, durante todo o Nadal a ABE realizará sorteos continuados, tanto a través da aplicación de fidelización da entidade como nas redes sociais.

No arranque da campaña sortearanse 5 lotes de agasallos compostos por axenda, calendario, bolsa e lote de invitacións para o parque infantil entre os rexistros realizados na web entre o 10 e o 14 de decembro.

Os mais de 5.000 usuarios poderán seguir acumulando puntos coas súas compras en calquera negocio adherido, podendo trocar esas puntuacións polos agasallos do catálogo vixente durante toda a campaña de Nadal.

En Ribeira

Ribeira entra de cheo nesta época festiva cunha axenda repleta de actividades para tódolos públicos, con especial énfase naquelas de carácter infantil e familiar. Preto de 30 accións integran o cartel deseñado pola Concellería de Cultura en colaboración con outras áreas municipais e o tecido asociativo. Non faltarán os espectáculos no novo Auditorio, as rúas musicais, os actos do tecido social, a visita dos Reis Magos ás parroquias, unha exposición, o Nadal nas parroquias, o Recuncho de Nadal, o expreso de Oriente, a festa de Noitevella, o Belén Vivinte, a cabalgata de Reis ou o Pekenadal.

Coincidindo coas vacacións escolares, a partir do 22 de decembro, haberá espectáculos infantís de maxia, monicreques e música gratuítos, con compañías como Teatro Ghazafelhos, Gramola Gominola (estas dúas a través do Nadal na Rede da Secretaría Xeral da Lingua), Pablo Díaz ou Mago Paco, ademais doutras accións como o concerto de Aninovo do grupo A Misela de Noia. Todas elas serán de balde, con entrada dende media hora antes do seu inicio.

Haberá tamén espectáculos a billeteira como o espectáculo Aquí Tou!, de Touriñán; o musical The Grinch, con Cantaruxa; ou a danza con El lago de los cisnes e El Cascanueces, da man do Ballet Clásico Internacional. As entradas continúan á venda en www.ataquilla.com.

Tamén terán presenza neste espazo as entidades locais cos seus festivais ou o Concerto de Confraternidade da Coral Municipal de Ribeira e da Coral do Círculo Mercantil de Ribeira, se ben este último celebrarase na igrexa parroquial de Santa Uxía.

O Nadal chegará a tódalas parroquias con inchábeis, o Carteiro Real, obradoiros e sesión disco, de 17.00 a 20.00 horas. En Corrubedo, no centro social e exterior no luns, 22 de decembro; en Castiñeiras, na casa da cultura e exterior, no martes, 23 de decembro; en Artes, no pavillón do colexio, no venres, 26 de decembro; en Palmeira, no pavillón Alcalde Torres Colomer, no sábado, 27 de decembro; en Oleiros, no centro social e exterior, no luns, 29 de decembro; en Olveira, no pavillón de Sirves, no martes, 30 de decembro; en Carreira, no centro social e exterior, no venres, 2 de xaneiro; e en Aguiño, no pavillón CEIP Heroínas de Sálvora, no sábado, 3 de xaneiro.

Xa para o centro da cidade configúrase o Recuncho de Nadal na praza de Porta do Sol co Apalpador, Papá Noel e o Carteiro Real. O acto de apertura será cos Bolechas (mediante a Rede de Dinamización Lingüística) no martes, 23 de decembro, ás 18.00 horas.

Ademais, o expreso de Oriente levará á rapazada no 24, 27 e 31 de decembro polo núcleo urbano, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, con saída e chegada da praza do Concello.

E poderase contemplar o nacemento co belén vivinte instalado na praza do Concello, no 5 de xaneiro, a partir das 18.00 horas.

Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán Ribeira por partida dobre no 5 de xaneiro. Pola mañá e primeiras horas da tarde estarán nas parroquias retomando o Bus Real que, como novidade, este ano será nun autobús histórico. Empezarán o seu periplo pola Capela da Guía, en Carreira, para seguir pola Aula de Música de Aguiño; porto de Castiñeiras; porto de Palmeira; centro social de Oleiros; Hospital da Barbanza; centro recreativo de Artes; rúa das Delicias de Corrubedo; e casa da cultura de Olveira.

E, ás 18.00 horas, as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente chegarán ao porto de Ribeira, ás 18.00 horas, para saír dende a rúa de Canarias e percorrer o centro da cidade na tradicional cabalgata que será inclusiva. Ao final, pronunciarán o seu discurso e recibirán á rapazada dende a praza do Concello.

Máis alá dos espazos pechados, a celebración chegará ao exterior con Rúas Musicais co Grupo Claxxon e Charanga Fanfarria Furruxa, ademais da festa para dar a benvida ao 2026 na madrugada do 1 de xaneiro, con sesión musical a cargo de Planet Discomóbil, na carpa de Bandourrío, a partir das 01.00 horas.

Pilar Ageitos inaugurará a súa exposición Besties no venres, 19 de decembro, ás 20.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas. E, esta mesma instalación cultural, acollerá no sábado, 27 de decembro, ás 12.00 horas, o Pekenadal con Danzando coas estacións.

En Porto do Son

O Concello de Porto do Son organiza, un ano máis, unha ampla programación cultural para este Nadal, baixo o lema Un Nadal en Porto do Son repleto de luz, maxia e ilusión.

O ciclo deu comezo o venres 5 de decembro, coa rapazada da vila acendendo o Nadal coa súa maxia. O prendido das luces levouse a cabo na estacada da fachada marítima.

O 14 de decembro, o Casa da Cultura de Porto do Son acolleu o Musical Solidario de Mimarte AECC. O venres 19 foi a sede para o recital de piano e coro da ESMU, a partir das 20:00h.

As xornadas deportivas celebráronse o 20 e 21 de decembro, coas carreiras da SinSon Escolares e 10K.

OS días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, terán lugar os Obradoiros Infantís de Nadal, nas casas da Cultura de Xuño, Portosín e Porto do Son, en horario de 17:00 a 19:00 h. Tamén, na véspera de Noiteboa, o 23 de decembro, o Papá Noel visitará todas as parroquias do municipio.

Os días 24 e 31 de decembro toda a veciñanza poderá desfrutar e bailar a ritmo da música dos tardeos en Porto do Son. O 24 con Trécola, Os Liantes, Os Charangos e DJ Geno e o 31 con Arume, Tanto Nos Ten, Os Charangos e DJ Kike Varela. Ambos días de 17:00 a 21:30 h.

Para poñer punto e fin ao mes, o 27 de decembro, a rapazada poderá gozar de inchábeis no Pavillón de Santa Irene, de 16:30 a 20:00 h.

Como guinda do pastel, a programación pecharase coa visita dos Reis Magos ás 10 parroquias do municipio, o 5 de decembro.

O alcalde, Luis Oujo, animou a toda a veciñanza “a participar nesta completa programación de Nadal tan especial e para toda a familia, que seguro que deixará momentos inesquecibles e que encherá o noso municipio de maxia, luz e moita ilusión”.

En Outes

A axenda de Nadal de Outes (organizada polo Concello) xa comezou o 5 de decembro na praza do Bosque da man de Troula na Barquiña, ás 19.30 horas, incluíndo un concerto de panxoliñas e máis o prendido das luces de Nadal.

O 6 de decembro a Casa da Cultura acolleu o espectáculo para a rapazada Canto Conto! de Limiar Teatro (ciclo Outes á escena), ás 19.00 horas. O sábado 6 tamén actuou a agrupación B’Kings achegando un concerto na praza do Bosque ás 23.30 horas.

O 8 de decembro a praza do Bosque acolleu un obradoiro de pastas de Nadal, en dúas quendas: infantil ás 11.00 horas e adultos ás 17.00 horas.

Os días 13 e 14 de decembro a praza do Bosque albergou unha nova actividade: a Feira do Nadal, en horario de mañá e de tarde.

O 13 de decembro a compañía Xampatito Pato representou a peza Compaña, ás 19h na Casa da Cultura (ciclo Outes a escena).

O 19 de decembro a praza do Bosque foi o escenario dun festival da Escola de Baile e Música Tradicional de Outes.

O 20 de decembro actou Rokolas en concerto, ás 23.30 horas na praza do Bosque.

O 21 de decembro a praza do Bosque acolleu dúas citas: unha exaltación de produtos (ás 12h) da ría e un concerto de música tradicional ás 18h.

O 21 de decembro houbo teatro na Casa da Cultura ás 19h a cargo de Tequerreté Teatro, que representou a peza Sons (ciclo Outes á escena).

O 27 de decembro a Casa da Cultura de Outes acollerá un concerto da Banda de Música Municipal de Outes e a Coral Francisco Añón (concerto benéfico, a partir das 20.00 horas.

O 28 de decembro proxectarase o documental Riba da Fonte de Alberto Sacido Romero na Casa da Cultura ás 19h.

O 5 de xaneiro celebrarase no Pavillón da Serra a recepción e cabalgata dos Reis Magos, a partir das 17.30 horas.

A maiores o Concello (Servizo de Normalización Lingüística) celebrará o Concurso de Decoración Nadal en Outes, con dúas categorías: unha para particulares e outra para establecementos comerciais e outras entidades. Poderán participar todos os locais comerciais e persoas a título particular que o desexen, con prazo de inscrición aberto até o 5 de decembro.

O Concello tamén impulsou o Concurso de Postais Nadal en Outes, no que poderá participar calquera persoa menor de idade e cuxo prazo estará aberto até o 22 de decembro. Máis datos en outes.gal.

En Rianxo

Rianxo vai celebrar o Nadal a tope. Logo da gran festa do prendido das luces do 6 de decembro (que incluíu a visita de Papá Noel ao Pazo de Martelo) e da inauguración (novamente) da árbore natural de Nadal máis alta de España (en Asados), a axenda festiva retomouse este 19 de decembro coa celebración do Festival de Nadal da Escola de Música de Rianxo, que se estendeu até o domingo 21 no Auditorio Municipal.

Ademais, o sábado 20 ás 17.30 celebrouse o Festival de Nadal de Vai de Roda (ás 17.30 horas no Auditorio) e o domingo 21 o Centro Social da Atalaia (Asados) acolleu o espectáculo Lendatarias por Armadanzas Teatro.

O 20 de decembro inaugurouse a mostra Cousas da Vida por Castelao no Auditorio, ás 12.30.

A maiores, Teatro Airiños representa este 26 de decembro a peza A vida de Brais, no Auditorio ás 20.30 horas: unha función benéfica (con donativos de tres euros) a favor do pobo saharauí organizada por Airiños.

Os días 22, 23, 24, 26, 27, 28, 30, 31 de decembro e 02 e 03 xaneiro haberá lecer para a rapazada no Pavillón Polideportivo de Rianxo José M Abuín “Chema”, en horario de tarde (de 16.30 a 19.30) agás o 24 e 31 de decembro que será de 11.30 a 13.30 horas. Celebraranse concertos e contacontos ás 19.00 horas: A xogar cos trasnos do Nadal (o 26), Antón e o Apalpador (o 27), A fantasía do Nadal con María Faltri (día 2 de xaneiro) e Contos de Nadal con Cris Caldas (o día 3).

O sábado 27 será o Concerto Fin de ano da Banda da Escola de Música de Rianxo, ás 20.30 no Auditorio.

O 28 de decembro celebrarase o Festival de Nadal da Asociación Fogo Fatuo, ás 18h no Auditorio.

En fin de ano haberá carpa climatizada para celebrar as prebadaladas (a partir das 19h) e o aninovo (á 1.00), con picadiscos, cotillón, agasallos e sorteos. Organizan As Juadalupeñas.

O 5 de xaneiro celebrarase a tradicional Cabalgata dos Reis Magos en Rianxo, en todas as parroquias.

En Dodro

O Concello de Dodro vestiuse de Nadal e conseguiu que este ano fose o máis iluminado en todas as parroquias. Ademais, a axenda vén con distintos eventos e actuacións, ao que se suma a entrega do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.
O día 19 celebrouse o obradoiro de contos con papel Kamishibai de Nadal, da man de Juan Juste, que é o único artista en Galicia no teatro de papel. Será na Casa da Cultura de Dodro as cinco e media da tarde.

Este 23 o Concello anticipa a Noiteboa cunha Algueirada de Nadal. Xurxo ten un problema moi especial, non sabe bailar así que entre todos teremos que ensinarlle e bailar con el. Unha proposta chea de humor e diversión, na que se mesturan bailes e acrobacias e que vai destinada ao público familiar. A cita no Pavillón Polideportivo ás cinco e media da tarde.
Para rematar o ano a rapazada de Dodro viaxará a Laponia con Teatro Calavera. Leila e Laila, dúas Elfas da Laponia que veñen a facer para toda a veciñanza unha gran Festa de Nadal, con música xogos e bailes para toda a familia. Un espectáculo cheo de humor, música, xogos e contos de Nadal que desfrutaremos o día 30 no pavillón de deportes as cinco e media da tarde.

O 5 de xaneiro celebrarase a recepción oficial dos Reis Magos, ás 17.30 horas no Pavillón de Deportes.

En Lousame

A sala de exposicións municipal da Casa da Cultura de Lousame acolle dende o 20 de decembro ao 28 de febreiro, a mostra Obra recente: Contrastes + vieiros do artista José Luís Veiras Manteiga, residente na parroquia de Camboño e nomeado fillo adoptivo do Concello de Lousame o pasado mes de agosto.

Unha das novidades deste ano é a visita de Papá Noel, que estará durante a mañá do 23 de decembro na Casa da Cultura de Lousame para recibir aos nenos e nenas do municipio, que poderán entregarlle a súa carta en man en horario de 11:00 a 14:00 horas. Paralelamente, o Concello de Lousame organizará tres quendas dun Obradoiro de Adornos de Nadal, que terán lugar ás 11:00 (para nenos e nenas de 5 ao 8 anos) e ás 12:00 e 13:00 horas (para crianzas de 8 ou máis anos).

A visita a Papá Noel é totalmente libre e de balde, mentres que para participar nos obradoiros será preciso anotarse previamente a través de Bandoticket, onde terán preferencia os nenos e nenas empadroados en Lousame, que poderán apuntarse en exclusiva ata o venres 19 de decembro. A día de hoxe, xa están esgotadas as entradas para a quenda do mediodía.

O domingo 28 de decembro celebrarase unha nova edición do Trail de Lousame. O Concello oferta un total de 600 prazas para o Trail de Lousame: 300 para o Trail Longo (15€) e 300 para o Trail Curto (10€). Ambas probas terán lugar o domingo 28 de decembro, con saída do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e unha espectacular subida ao monte Muralla, un dos miradoiros máis populares da comarca. As inscricións están abertas en www.carreirasgalegas.com ata as 23:59 horas do 24 de decembro ou ata completar o cupo de prazas.

O Trail Longo terá unha lonxitude de 25 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.140 metros de desnivel positivo e de 1.140 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 14 km, cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 540 metros de desnivel positivo e de 540 metros de desnivel negativo. A saída terá lugar ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos. As persoas participantes deberán obrigatoriamente levar manta térmica, chifre, teléfono con batería suficiente, sistema de hidratación (mínimo 1 litro) e cortaventos.

O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina do Trail Curto e do Trail Longo, así como premios especiais ao primeiro atleta masculino e feminino empadroado en Lousame e aos tres primeiros clasificados das categorías máster masculina e feminina (45 ou máis anos). A entrega de premios terá lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. O Concello terá habilitadas varias zonas de aparcamento, próximas ao lugar da proba e debidamente sinalizadas, e ofrecerá servizo gratuíto de duchas e de gardarroupa.

O domingo 4 de xaneiro, a partir das 10:00 horas, terá lugar as 3H Resistencia Lousame, organizada polo Club BTT Triatlón O Treito-Lousame, en colaboración co Concello. Estrearán novo circuíto, con base no polideportivo Pilar Barreiro Senra. As inscricións están abertas na Federación Galega de Ciclismo (fgalegaciclismo.es).

E a programación de Nadal rematará coa tradicional Recepción e Festa de Reis Magos, que este ano terán lugar en xornadas separadas. Así, o domingo 4 de xaneiro terá lugar unha gran Festa de Reis Magos no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Haberá xogos, obradoiros, inchables, lambonadas, música e chocolate con churros de balde para toda a rapaza que retire a entrada gratuíta dispoñible en Bandoticket, con prazo de inscrición exclusivo para os empadroados de Lousame ata o 4 de xaneiro.

Un día máis tarde, o luns 5 de xaneiro, de 10:30 a 14:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá a Recepción dos Reis Magos, para a que tamén é preciso anotarse en Bandoticket.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.