Membros e persoas usuarias da Asociación Ambar para as Persoas con Diversidade Funcional, entidade inclusiva do Barbanza, protagonizaron este mércores 10 de decembro no salón de plenos do Concello de Boiro unha intensa e construtiva simulación de pleno extraordinario. A sesión, celebrada en primeira e única convocatoria coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, centrouse en abordar e debater temas cruciais para a plena inclusión das persoas con diversidade funcional na comunidade.

Baixo a presidencia da alcaldesa Berta Torrado Pose, as persoas participantes – Gonzalo Ordoñez Diz, Araceli Pouso Sanlés, Jesús Dieste Caamaño, David González Silva, Javier García del Río, Francisco Romero Brión, Manuel Vilas Romero, Salustiano Manuel Piñeiro González e María Elena Oujo – asumiron o rol de concelleiros e concelleiras, representando a tres partidos: Movemento Inclusivo Ambar, Forza Diversa Municipal e Alianza pola Participación Inclusiva. Como interventora deste pleno actuou Milagros Rey, presidenta de Ambar e como secretario Raúl Treus, concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Boiro.

Debates Centrais: Autonomía e Inclusión
Os debates xiraron arredor de tres eixes temáticos fundamentais, nos que se subliñou a necesidade de “implementar políticas públicas que garantan a igualdade de oportunidades e a participación plena”.
1 Dereito á Vida Independente
O partido Movemento Inclusivo Ambar, liderado por Gonzalo Ordoñez Diz, presentou a súa proposta sobre o dereito á vida independente. Araceli Pouso Sanlés e Gonzalo Ordoñez Diz destacaron que este é un dereito fundamental que permite ás persoas con diversidade “tomar o control das súas propias vidas e decidir sobre o seu proxecto vital”. O debate fixo fincapé na liberdade de elixir onde e con quen vivir, como xestionar o tempo e o diñeiro, e na importancia de contar con recursos de apoio necesarios, como a asistencia persoal. Jesús Dieste Caamaño engadiu a relevancia do dereito a unha vida social e a participar plenamente na vida comunitaria.

2 Ocio Inclusivo: Derrubar todas as Barreiras
Pola súa banda, o partido Forza Diversa Municipal, ca intervención de Manuel Vilas Romero, puxo o foco no ocio inclusivo. Definírono como “todas aquelas actividades de tempo libre deseñadas para que todas as persoas poidan participar e desfrutar por igual, independentemente das súas capacidades”. Salustiano Manuel Piñeiro González fixo unha chamada á reflexión, lembrando que “moitas veces só nos fixamos nas barreiras físicas, pero non son as únicas barreiras que existen”, sinalando tamén as barreiras cognitivas e sensoriais que deben ser eliminadas para garantir a
accesibilidade universal.

3 Accesibilidade na Comunidade: Un Dereito Fundamental
O grupo Alianza pola Participación Inclusiva, coas achegas de David González Silva, Francisco Romero Brión e Javier García del Río, defendeu a importancia da accesibilidade na comunidade. Afirmaron que a accesibilidade universal “é un dereito fundamental e esencial para garantir que todas as persoas poidan participar plenamente na vida comunitaria”. Francisco Romero Brión subliñou que as comunidades accesíbeis son “máis xustas, cohesionadas e atractivas para vivir e traballar”, beneficiando a toda a cidadanía (persoas maiores, familias con carriños, etc.). Entre os exemplos de servizos esenciais que deben garantir a accesibilidade real mencionáronse caixeiros automáticos, transporte público, contedores de lixo e xestións administrativas.
Declaración Institucional e Acordos
A sesión concluíu coa Declaración Institucional do Concello de Boiro polo Día Internacional dos Dereitos Humanos, lida pola alcaldesa Berta Torrado Pose. O pleno reafirmou o seu compromiso “coa defensa dos dereitos humanos, a dignidade, a igualdade e a xustiza, destacando a protección das
persoas con discapacidade segundo a Convención da ONU”.
O Pleno acordou por unanimidade cinco puntos clave:
Defender activamente os dereitos humanos como base da convivencia democrática.
Eliminar toda discriminación, retirando barreiras físicas, comunicativas, sociais e culturais.
Reforzar as políticas de accesibilidade universal en espazos, servizos e comunicacións municipais.
Colaborar con asociacións, entidades e familias, promovendo accións de sensibilización e formación.
Manter o diálogo e mellorar as políticas públicas, avaliando periodicamente os avances eninclusión.



