Os deputados do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, acompañados polo portavoz do PP de Noia, Santiago Freire, e outros concelleiros noieses, amosaron hoxe o firme compromiso do Goberno galego coa mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Noia, un compromiso que se concreta nun investimento de máis de 1,6 millóns de euros previsto nos orzamentos de 2026 para actuacións estruturais e tecnolóxicas nestas instalacións.
Os representantes populares subliñaron que esta aposta económica forma parte dun proxecto máis amplo de mellora do sistema de saneamento, ao tempo que cuestionaron cal será a postura do actual Goberno local. “Agora falta por saber que van facer os responsables municipais: se volver aos postulados do ano 2010, opoñéndose aos proxectos da Xunta, ou sumarse ao Goberno galego na mellora do saneamento do Concello de Noia e, en definitiva, da nosa ría”, sinalaron.
Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez lembraron que o Plan Director de Saneamento de Noia, redactado por Augas de Galicia entre os anos 2020 e 2022, identificou as principais deficiencias da rede de saneamento, das estacións de bombeo e da propia EDAR, establecendo actuacións a curto, medio e longo prazo para garantir unha correcta depuración e mellorar a calidade das augas da ría.

Determinación, rigor e planificación
No marco do cumprimento deste Plan Director, atópase actualmente en execución o proxecto de mellora da EDAR de Noia, cun investimento total de case tres millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, xestionados polo anterior goberno municipal presidido por Santiago Freire. Deste importe, máis de 1,6 millóns de euros están consignados nos orzamentos autonómicos de 2026, co obxectivo de garantir o cumprimento dos parámetros de vertedura e contribuír á recuperación ambiental da ría de Muros e Noia.
“O Goberno galego está a actuar con determinación, rigor e planificación, cun roteiro de actuacións claro e acordado co Concello, co que está disposto a seguir colaborando institucionalmente para avanzar na protección da ría e do sector produtivo”, afirmou Ángel Rodríguez.
Pola súa banda, Magdalena Pérez cuestionou “cal vai ser o papel que quere xogar agora o Concello de Noia neste proxecto: opoñerse aos proxectos da Xunta, como aconteceu no pasado, obviando os criterios técnicos; ou remar xunto co Goberno galego para aproveitar as oportunidades de mellora do sistema de saneamento municipal e o apoio económico que está a ofrecer a Xunta, asumindo as súas responsabilidades”.
Finalmente, o portavoz do PP de Noia, Santiago Freire, advertiu de que “sería unha verdadeira mágoa que o traballo realizado nos últimos anos para mellorar o saneamento de Noia se vise paralizado polos novos responsables municipais, unha decisión inexplicable que non só prexudicaría aos veciños e veciñas do concello, senón tamén a todas as persoas que viven do marisqueo na nosa ría”.




