O Concello de Noia presentou este venres 12 de decembro o seu programa de actividades para estas festas sinaladas, baixo o lema É Nadal en Noia, un extenso calendario de propostas “pensado para dinamizar a vila durante as festas e ofrecer propostas de lecer para todos os públicos”, informou o alcalde Francisco Pérez, alcalde de Noia, acompañado de Abel Pan, concelleiro de Festexos, e Alba Expósito, presidenta da asociación empresarial Noia Histórica, quen coincidiron en destacar “a aposta decidida por un Nadal participativo, inclusivo e con forte impacto social e económico”.

Entre as principais novidades atópase a primeira edición do Mercado de Nadal, que converterá o centro histórico nun espazo cheo de postos de artesanía, mentres que a Alameda de Noia acollerá postos de alimentación e restauración. Arredor destes dous emprazamentos desenvolveranse múltiples actividades, como obradoiros infantís, animación polas rúas e a presenza de personaxes tan queridos como o Grinch, o Apalpador e Papá Noel, que recibirá aos nenos e nenas na súa casa situada na praza do Tapal.
O programa complétase cunha ampla oferta musical, con concertos no palco da música, así como ruadas musicais e actuacións da Banda de Música Municipal e do Conservatorio, reforzando o protagonismo da música local durante estas datas.
Como novidade destacada, Noia celebrará tamén o día de Fin de Ano cunha programación especial. Pola mañá haberá unha festa de pre-Fin de Ano na Alameda, con badaladas matinais e animación musical. Xa pola noite, instalarase unha carpa climatizada exterior na praza do Curro para celebrar a chegada do novo ano cunha gran festa animada pola Disco Chocolate.
O alcalde de Noia, Francisco Pérez, sinalou que “este programa busca que Noia viva o Nadal na rúa, recuperando espazos emblemáticos e xerando actividade económica e social nunhas datas tan especiais para a veciñanza”. Ademais, destacou que “é unha programación pensada para todas as parroquias, idades e sensibilidades”.
Neste sentido, este ano Papá Noel visitará todas as parroquias de Noia e o Concello aposta por recuperar unha Cabalgata de Nadal á altura dunha vila como Noia, reforzando a tradición e a ilusión dos máis pequenos.
Pola súa banda, a presidenta de Noia Histórica, Alba Expósito, puxo en valor a colaboración entre a asociación empresarial e o Concello, destacando que “traballar da man permite crear un Nadal máis atractivo, que anime á xente a mercar no comercio local e a gozar da vila”. Expósito lembrou tamén a participación da entidade no Sorteo do Décimo, unha iniciativa xa realizada o ano pasado que convida á cidadanía a reutilizar os seus décimos non premiados para participar novamente.
O concelleiro de Festexos, Abel Pan, anunciou que “este venres 12 ás 19:00 horas levarase a cabo o prendido das luces de Nadal na Alameda”, un acto que correrá a cargo da Asociación pola Saúde Mental A Creba. O evento contará cun concerto de panxoliñas da Coral Polifónica de Noia e haberá chocolate e churros de balde para todas as persoas asistentes.
Segundo Pan, “queremos que o inicio do Nadal en Noia sexa un acto participativo, solidario e cheo de ilusión”.
Desde o Concello de Noia animan a toda a veciñanza e visitantes a participar activamente na programación de É Nadal en Noia, unha “axenda concibida para compartir, dinamizar a vila e encher as rúas de ambiente, tradición e esperanza”.
Quen desexe consultar o extenso programa punto por punto teno no Facebook municipal na web do Concello.




