
O Concello de Boiro emitiu un comunicado con motivo do cobro de recibos inusualmente elevados no terceiro trimestre do ano 2025 no que quere explicar os feitos que levaron a esta situación. Segundo fan saber fontes do Goberno local, no último ano leváronse a cabo cambios importantes no departamento municipal de augas, us cambios que afectan ao persoal e tamén ás ferramentas que se empregan para a xestión dos cobros e realización das lecturas, o que provocou que no último trimestre de 2024 e primeiro do 2025 as lecturas fosen estimadas. “Estas lecturas estimadas xa se teñen realizado noutras ocasións e nunca xeraron problemas”, sinala o Concello, engadindo que “o sistema de augas do Concello de Boiro conta con máis de 11.000 contadores que se leen manualmente polo que hai ocasións onde non é posíbel facer a lectura de contador e estímase en base ao histórico de consumos”.
Nesta ocasión, a estimación á baixa de varios trimestres provocou unha acumulación de consumo non facturado. A regularización comezou a facerse no terceiro trimestre do ano, cando se fixeron as lecturas reais dos contadores, e “esta regularización, sumada a que no terceiro trimestre, coincidente co verán, acostuman aumentar os consumos, levou a unha situación de facturas anomalamente elevadas”, informou o Concello, que pide desculpas a todos os veciños afectados polos inconvintes que esta situación puidese ter provocado e, “tralas comprobacións realizadas constatouse que as medicións están correctas e que os consumos facturados son reais e xa se está a traballar para que isto non volva acontecer”.
Dende o Concello de Boiro estase xa a traballar pola mellora do servizo e das infraestruturas, como é a dixitalización das medicións para que estas se poidan facer de forma máis eficiente e garantista e reducir así as incidencias co servizo de augas municipal.



