O Auditorio de Rianxo acolleu a III Gala do Turismo Barbanza Arousa

02 Decembro 2025

O Auditorio Municipal de Rianxo acolleu este martes 2 de decembro a celebración da III Gala do Turismo Barbanza Arousa, organizada pola Mancomunidade Barbanza Arousa, formada polos concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

O evento puido seguirse a través da canle de Youtube da entidade supramunicipal.

Na gala participou o actual presidente da mancomunidade e alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, xunto cos restantes rexedores da beira sur do Barbanza e do vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel da Área de Turismo, quen salientou o compromiso e a profesionalización do tecido empresarial, especialmente relevante no caso das empresas distinguidas no Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) e a súa contribución ao desenvolvemento turístico sustentábel do territorio. Tamén fixeron acto de presenza a xerente de Barbanza Arousa, Fátima Cachafeiro, o presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Meirelles, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

A cita arrincou ás 19:00h coa entrega dos distintivos SICTED ás empresas e servizos turísticos que recibiron por primeira vez ou renovaron os seus distintivos SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) dependente da Secretaría de Estado de Turismo, uns recoñecementos que poñen de manifesto o esforzo realizado polas empresas e servizos do sector turístico barbanzán.

Este ano foron 23 os novos servizos distinguidos con este selo de calidade. No oficio de experiencias en obradoiros turísticos foron distinguidos: Amicos, Bluscus e Turismo Mariñeiro Mar da Pobra; no oficio de vivendas de uso turístico resultaron recoñecidos Apartamento María Jesús e Casa Río da Grenla; no oficio de portos deportivos distinguiuse o Club Náutico de Rianxo; no oficio de turismo activo distinguiuse Geckos; no oficio de comercio distinguiuse Lusco Fusco; no oficio de restaurantes e empresas de catering turístico as novas incorporacións son Pizzería Adria, Restaurante Casa Isolina e Restaurante Xanxo; no oficio de praias as novas distincións son para a Praia da Illa/A Laxe, Praia de Barraña, Praia de Ladeira e Praia do Vilar; no oficio de taxis distinguíronse o Taxi nº2 de Rianxo, o Taxi nº4 de Rianxo, o Taxi nº5 de Rianxo, o Taxi nº6 de Rianxo e os Taxis Alberto Queiruga (Ribeira); no oficio de seguridade cidadá súmase aos distinguidos a Policía Local de Ribeira; no oficio de museos o novo distinguido é a Sala-Museo Municipal de Ribeira e no oficio de bares e cafeterías distinguiuse o UTTAP 3. CATORCE.

Estas novas 23 empresas e servizos turísticos súmanse ás que renovan os seus distintivos, sendo un total de 69 axentes turísticos que se atopan en posesión deste selo de calidade de recoñecemento nacional.

A rolda de intervencións foi aberta pola xerente da mancomunidade, Fátima Cachafeiro. A continuación, realizou a súa intervención o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

Trala entrega dos diplomas ás empresas distinguidas, continuaron as intervencións institucionais da man de Julián Bustelo, presidente da mancomunidade e alcalde de Rianxo que destacou “o positivas e receptivas que son as empresas do territorio a participar de todos os proxectos aos que se lles convida desde a mancomunidade”.

A continuación, tomou a palabra Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de turismo, que nas súas palabras indicou que “falar de turismo é falar de empresas como as que hoxe son distinguidas aquí. O que fai o turismo son as empresas, as que xeran oportunidades no territorio”.

Na súa intervención, Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, quixo poñer en relevo que “Barbanza Arousa é un exemplo para toda Galicia polo número de empresas e sectores representados no SICTED”.

O acto pechouno a intervención de Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, quen subliñou o seu recoñecemento ao traballo no territorio: “Estades no bo camiño. Sodes un destino forte e xerador de valor para a vosa economía. Referente do turismo sostíbel”.

Asistiron ao acto o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde Alonso; o resto dos alcaldes e alcaldesa dos concellos que forman a mancomunidade: María Sampedro (Ribeira), Xosé Carlos Vidal (A Pobra) e José Ramón Romero (Boiro) xunto coas concelleiras das áreas de turismo e outras concellarías. Así mesmo, tamén participaron do acto outros alcaldes da contorna como o alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca.

Na parte empresarial, tiveron representación todas as asociacións de empresarios do territorio: a Asociación de Empresarios de Ribeira, a Asociación de Empresarios, Comerciantes e traballadores Autónomos do municipio da Pobra do Caramiñal, a Asociación Boirense de Empresas (ABE), a Asociación Rianxeira de Empresarios e a Asociación Somos Rianxo.

Tras a parte máis formal da gala celebrouse un encontro distendido entre todos os asistentes acompañado do catering do Curral do Marqués e os viños da IXP Barbanza e Iria representados pola Adega Entre Os Ríos, ambas empresas distinguidas co selo SICTED.

Intervención de Xosé Regueira

O vicepresidente provincial Xosé Regueira destacou que para a Deputación é “un orgullo” patrocinar esta iniciativa, que recoñece o esforzo diario dun sector que contribúe ao benestar da poboación local e á dinamización económica do territorio. Sinalou tamén que o tecido empresarial de Barbanza Arousa é “un exemplo de profesionalización, calidade, innovación e responsabilidade”, elementos que, ao seu xuízo, explican os distintivos SICTED.

Regueira subliñou a importancia da colaboración entre administracións e empresas, asegurando que “cando a colaboración público-privada é real e as administracións traballamos man a man co tecido empresarial, os resultados saltan á vista”. Nesa mesma liña, reiterou que “o turismo non é só unha actividade económica: é a rede de empresas e profesionais que xeran oportunidades, emprego e benestar para quen vive aquí”.

O vicepresidente referiuse tamén á estratexia turística impulsada pola Mancomunidade Barbanza Arousa, centrada na autenticidade, na desestacionalización, na sustentabilidade e na cooperación público-privada, e salientou o papel do proxecto “Barbanza Arousa. Viaxe a través dos sabores”, financiado igualmente con fondos Next Generation, como exemplo da posta en valor da riqueza produtiva, histórica e gastronómica do territorio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.