Galicia volverá quedar este mércores 3, San Francisco Xabier, baixo a influencia dunha fronte activa asociada ás baixas presións situadas no oeste de Irlanda, que atravesará a comunidade na segunda metade da xornada.
- Ceos e nubosidade: Agárdanse ceos con intervalos nubrados durante a mañá, con tendencia a cubrirse progresivamente, especialmente no oeste.
- Chuvias: Pola tarde as precipitacións entrarán pola franxa atlántica e estenderanse cara ao leste, sendo xeneralizadas e localmente intensas.
- Temperaturas: As mínimas experimentarán un lixeiro descenso, mentres que as máximas se manterán sen cambios significativos. (4-14 graos)
- Vento: Os ventos soprarán do oeste-suroeste, moderados en xeral, pero con forza no litoral, onde se prevé unha situación complicada.

O noso mar: Vento do sur á mañá, do sudoeste á tarde e do sudoeste á noite, forza 2 a 3 á mañá, 3 a 5 á tarde e 5 a 7 á noite. Mar ovellado á mañá, marusía á tarde e media vaga á noite. Visibilidade boa á mañá, regular á tarde e mala á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 4.5 a 5 metros á mañá, 4 a 5 metros á tarde e 2.5 a 3.5 metros á noite.



