Medio Ambiente anuncia dende Carnota a creación dun foro de expertos en boas prácticas no marco da Rede de Concellos Bandeira Verde

10 Decembro 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou este mércores 10 de decembro que a Xunta porá en marcha un foro de expertos para o intercambio de experiencias sobre boas prácticas ambientais no marco da Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia.

Durante a súa intervención no izado da Bandeira Verde en Carnota, a conselleira puxo en valor que cada ano son máis os concellos que obteñen este distintivo (2 na primeira convocatoria en 2020 fronte aos 33 deste ano), o que é exemplo da crecente aposta municipal polas boas prácticas ambientais e a preservación da paisaxe.

Nesa liña, e para seguir avanzando na cooperación e colaboración para o desenvolvemento de iniciativas neses eidos, a Xunta creará o vindeiro ano a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, da que poderán formar parte aqueles municipios que teñan, polo menos, tres destes distintivos desde o ano 2020.

No marco desa Rede, tal e como explicou a conselleira, crearase un foro multidisciplinar de expertos, que se reunirán unha vez ao ano, co obxectivo de que sexa un punto de encontro para a posta en común de ideas e experiencias sobre a conservación da paisaxe e a protección do medio ambiente.

No caso do Concello de Carnota, Ángeles Vázquez salientou que “é a primeira vez que esta municipio obtén este recoñecemento, que contribúe a darlle visibilidade como territorio responsábel e comprometido co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para protexer o medio ambiente e a contorna paisaxística; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia”.

Ademais, salientou que “obter unha Bandeira Verde supón un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas para construír e mellorar puntos limpos fixos, instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización”.

Durante o acto, no que estivo acompañada do director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, e do alcalde carnotán, Juan Manuel Saborido, a conselleira expuxo algunhas das medidas que permitiron que o Concello acadase este galardón. Entre elas, destacou “a acción pioneira desenvolvida para atraer e integrar nómades dixitais, que, ademais de fomentar a dinamización económica e a transferencia do coñecemento, tamén contribúe á revitalización do rural”.

A maiores, Ángeles Vázquez incidiu tamén na aposta deste municipio pola eficiencia enerxética coa renovación integral da iluminación das instalacións públicas incorporando a tecnoloxía LED. En canto ao tratamento dos residuos, o Concello demostrou o seu compromiso cunha xestión responsábel e sostíbel con medidas como a ampliación dos horarios do punto limpo ou a instalación de pequenos puntos limpos nos núcleos rurais para facilitar a separación selectiva dos refugallos.

Ademais, o Concello de Carnota tamén deseñou varias accións de sensibilización e comunicación como andainas saudábeis nas que se promove a educación ambiental e o coñecemento do patrimonio natural, charlas organizadas en colaboración con asociacións, voluntariado e centros educativos, ou actividades como a limpeza de praias.

Outros artigos

A marca Dior contrata á deseñadora boirense María Alborés

Un dos deseños de María Alborés Mesturar o luxo da marca Dior co arrecendo a mar de calquera porto de Boiro é xa unha realidade. E detrás desa confluencia case imposíbel convertida agora en realidade atopamos a unha moza galega de 28 anos que se chama María Alborés...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.