Filipe VI apela á convivencia, o diálogo e o respecto na súa mensaxe de Nadal

25 Decembro 2025

Esta é a terceira vez que o rei Filipe VI pronuncia a súa mensaxe de Nadal desde o Palacio Real. Un ano máis, escolleu como escenario o Salón de Columnas, un espazo vencellado a fitos históricos como a sinatura do tratado polo que España ingresou nas Comunidades Europeas —hoxe Unión Europea—, do que este ano se cumpren 40 anos.

Un aniversario que o monarca lembrou xunto ao dos 50 anos da restauración da monarquía, feitos que marcaron o inicio da Transición á democracia. Segundo explicou, ambos os dous efemérides “anímanno a falar de convivencia” na súa intervención.

Filipe VI definiu a Transición como “un exercicio colectivo de responsabilidade” baseado na vontade compartida de construír un futuro de liberdades a través do diálogo. Lembrou que froito dese impulso xurdiron a Constitución de 1978 e a integración europea, que, ao seu xuízo, non só trouxo modernización e progreso económico e social, senón que tamén afianzou as liberdades democráticas en España.

O rei apelou ao exemplo da Transición para reclamar diálogo, respecto e exemplaridade, e chamou á cidadanía a preservar a confianza na convivencia democrática. “Preguntémonos, sen mirar a ninguén e sen buscar responsabilidades alleas, que podemos facer cada un de nós para fortalecela e que liñas vermellas non debemos cruzar”, afirmou.

Na súa mensaxe insistiu na necesidade do diálogo como vía para resolver os problemas comúns, no respecto na linguaxe e na escoita das opinións alleas, así como na exemplaridade dos poderes públicos. Tamén fixo referencia á empatía e á importancia de situar a dignidade das persoas, especialmente das máis vulnerables, no centro de toda política.

Filipe VI advertiu de que, en democracia, as ideas propias non poden converterse en dogmas nin as alleas en ameazas, e subliñou que avanzar require acordos e renuncias nunha mesma dirección. “España é, ante todo, un proxecto compartido”, concluíu.

Non faltaron tampouco referencias ás preocupacións sociais actuais, como o incremento do custo da vida, as dificultades de acceso á vivenda, especialmente para a mocidade, a incerteza laboral derivada dos avances tecnolóxicos ou o impacto crecente dos fenómenos climáticos. O rei recoñeceu ademais que a tensión no debate público xera cansazo, desencanto e desafección cidadá, problemas que, segundo sinalou, non se resolven con retórica nin voluntarismo.

Como novidade neste 2025, o monarca pronunciou a mensaxe de pé, coa bandeira de España e da Unión Europea á súa dereita e un belén e unha árbore de Nadal á esquerda. Como é habitual, despediuse felicitando o Nadal nas linguas cooficiais do Estado.

Outros artigos

“España, triste y conmocionada”. José Castro López

Una encuesta reciente de IMOP-Insights pregunta por el estado de ánimo ciudadano yrevela que la tristeza es la emoción predominante entre los españoles ante una situaciónpolítica convulsa. “Una España entristecida, desengañada y hastiada de sus dirigentespolíticos”,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Servizos públicos de calidade” – José Manuel Pena

“Servizos públicos de calidade” – José Manuel Pena

Unha gran parte de cidadáns, responsables e comprometidos, déronse conta de que se está privatizando a sanidade, a educación ou a dependencia, piares fundamentais de calquera país moderno e democrático. A usura e a corrupción de moitos gobernantes poñen de manifesto...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.