O corte de tráfico entre o cemiterio e A Ponte obriga a reorganizar as liñas de autobús entre Ribeira e A Pobra mentres duren os traballos de humanización.

O Concello de Ribeira ven de comunicar os detalles do novo plan de tráfego e transporte público establecido con motivo da nova fase de humanización da estrada AC-305 ao seu paso por Palmeira. Esta actuación mantén cortado o tráfico rodado no tramo comprendido entre a contorna do cemiterio municipal e o lugar da Ponte.
Para garantir a conectividade e minimizar a afección á veciñanza, habilitáronse paradas provisionais operativas mentres duren as obras, cuxa finalización está prevista para a segunda quincena deste mes de novembro.
Paradas de autobús operativas
Durante este período de restricións, os autobuses que cobren a ruta entre Ribeira e A Pobra (e viceversa) efectuarán parada exclusivamente nos seguintes puntos:
- Sentido Ribeira-A Pobra: Avenida da Paz/Figueirido, contorna do colexio de Palmeira, Norte e Esteirón.
- Sentido A Pobra-Ribeira: Esteirón, Norte, contorna do colexio de Palmeira e o cruce entre o lugar de Sampedro e a antiga Hesta Kurva.
Desde o consistorio lembran que aquelas persoas usuarias que necesiten desprazarse en transporte público cara a Santiago deberán facelo empregando directamente as paradas centrais de Ribeira ou A Pobra.
Regulación do tráfico no Carballal
Como alternativa para absorber a circulación derivada do corte na travesía principal, habilitouse un desvío polo lugar do Carballal. Nesta zona establecese un tramo especial de 400 metros de lonxitude regulado mediante semáforos para ordenar o fluxo vehicular con seguridade.
Dende o goberno local solicitan a comprensión e colaboración da cidadanía e dos automobilistas ante estas modificacións provisionais orientadas a mellorar definitivamente a accesibilidade e o espazo público na parroquia.



