O executivo local destaca a achega nominativa de 80.000 euros, o seu rol como mediador con Portos de Galicia e anuncia unha xuntanza para solucionar a cuestión das facturas.
Precisamente o executivo confirmou a semana pasada á directiva da R. e I. que a factura fora subsanada e tendelle a man de ter unha reunión ao longo desta para tratar o tema polo miúdo entre tódalas partes, que todas teñan oportunidade de expresarse e chegar a un entendemento.

O Concello de Ribeira saíu ao paso das críticas rexeitando de forma rotunda as acusacións de «asfixia» cara á Festa da Dorna. Dende o goberno municipal subliñan que o seu respaldo á celebración «é innegable», proba do cal é a última subvención nominativa aprobada por valor de 80.000 euros para garantir unha nova edición do evento.
Dende o executivo local sinalan que «dicir o contrario é faltar á verdade», lembrando que unha festa da magnitude, implicación e tradición da Dorna nunca correrá o risco de desaparecer e que sempre contou co compromiso de todas as corporacións municipais.
Mediación con Portos e encontro esta semana
Máis alá do eido económico, o goberno municipal destaca o seu papel activo como ponte e mediador entre a directiva da festa e Portos de Galicia, tendo en conta que boa parte das actividades do programa se desenvolven en terreos portuarios.
Respecto á polémica xerada polas facturas emitidas por Portos, o concello confirma que a cuestión xa foi subsanada a semana pasada coa directiva da Real e Ilustre Cofradía da Dorna (R. e I.). Ademais, adiántase a intención de tender a man para manter unha xuntanza ao longo destes días con todas as partes implicadas, co obxectivo de debater o asunto polo miúdo e acadar un entendemento común.
O uso da antiga lonxa e a polémica política
Sobre a ocupación da antiga lonxa —cuxa titularidade corresponde á Xunta de Galicia—, o concello lembra que xa se asinou a concesión administrativa para trasladar alí a reparación das redes, un traslado que polo de agora non se puido executar ao atoparse na nave a Confraría de Pescadores. Con todo, o goberno local avanza que avaliará a viabilidade de que ambas as actividades coexistan no mesmo espazo ou buscar unha alternativa que reúna os requisitos necesarios para que a Dorna poida desenvolver o seu labor.
Finalmente, o executivo municipal lamenta que se intente «terxiversar a realidade para xerar confrontación e sacar rédito político» nun asunto que, segundo apuntan, non pode empregarse como terreo para manobras partidistas.



