
Esta fin de semana será unha finde deportiva en Boiro. Ademais do Ciclocross deste sábado, o domingo 7 desenvolverase a XX edición da Carreira Popular Mar de Boiro (18º Memorial Pepe Buceta), a partir das 10.40 horas na praza de Galicia.
Coma noutras edicións a proba forma parte do VIII Circuíto de Carreiras de Barbanza Arousa e do XI Circuíto Provincial de Carreiras da Deputación da Coruña; ademais de estar incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo.
A XX carreira popular consta de tres percorridos: un para as carreiras mini e supemini, de 200 metros e para idades comprendidas ata os 7 anos e que sairán ás 10.40h da rúa peonil; a categoría de escolares, de 2.500 metros que sairá ás 11.05 horas da rúa Principal; e a carreira de 10.000 metros para as categorías xerais que sairá da rúa Principal ás 11.00 horas.
O percorrido da carreira longa será o mesmo que en pasadas edicións e sairá da rúa Principal ata enlazar coa av. de Compostela dirección Praia Xardín, o paseo marítimo de Barraña ata o Saltiño e chegará ata Mañóns para regresar a Boiro, onde estará a liña de meta na rúa peonil.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría e tamén para os tres gañadores absolutos, tanto masculino como feminino; e tamén para os tres primeiros corredores e tres primeiras corredoras de Boiro; ao participante de maior idade e clasificación de Sapatilla Inclusiva para persoas con discapacidade.
Dende o departamento municipal de deportes destacaron, por un lado a figura de Pepe Buceta “que foi un compañeiro e pioneiro do atletismo en Boiro polo gran ímpetu que tiña en saír a correr día a día” e agradeceron tamén a implicación dos clubs deportivos da localidade no dispositivo de emerxencia.



