Arrinca no concello da Pobra a escavación na Croa do Castro, a primeira que se fai nun castro de interior no Barbanza

02 Decembro 2025

O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, recibiu este martes 2 de decembro á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, polo inicio da escavación no Castro da Croa de Postmarcos.

Trátase duns traballos que dependen directamente da Dirección Xeral de Patrimonio e que se realizan despois da solicitude trasladada, en verán, polo rexedor. Neste encontro, o primeiro edil pedira a colaboración do organismo autonómico para afondar na historia do xacemento “un dos máis importantes e singulares da comarca”. A transcendencia destes traballos débese ao feito de que a Croa de Postmarcos “é o primeiro castro de interior que se escava no Barbanza”, apuntou Vidal.

O Castro da Croa foi adquirido polo Concello no 2024 para garantir a súa conservación e promover investigacións como as que están en marcha. Está considerado de tamaño medio e destaca por dous aspectos: por unha banda, por ser o único castro cun recinto circular no que se aproveitou o outeiro rodeado polo río e, pola outra, polo bo estado de conservación no que se atopa o seu sistema defensivo.

O Concello explicou que as tarefas que se van levar a cabo no Castro da Croa comprenderán unha superficie duns 60 metros cadrados, e “permitirán indagar no que se sabe da Idade de Ferro en Galicia e sobre a orixe dos praestamáricos, un pobo que viviu nesta comarca durante esa etapa histórica”.

A empresa Tempos Arqueólogos está asumindo a execución dos traballos, que contan cun investimento de 18.000 euros asumidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Está previsto que a campaña conclúa o venres, 12 de decembro.

José Carlos Vidal aproveitou a visita da delegada territorial para agradecer o papel da Xunta de Galicia “esencial para acometer escavacións como esta”. Así mesmo, subliñou a intención do goberno local de seguir “impulsando este tipo de iniciativas, que son fundamentais para seguir recuperando o noso legado e a nosa historia”.

Visita guiada

Tal e como xa se fixera coa prospección na Corte do Santo, está prevista a celebración dunha visita guiada aberta á cidadanía. Será o xoves, 11 de decembro, ás 16.00 horas partindo desde o Local da Comunidade de Montes de San Isidro de Postmarcos. Tanto os traballos actuais como a actividade fanse coa colaboración da Comunidade de Montes.

Belén do Campo salientou a importancia de actuar en xacementos como o da Croa do Castro

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acudiu á Pobra acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, onde destacou a importancia de actuar con carácter prioritario en xacementos que, como este, “reúnen valores históricos excepcionais e un alto interese social, poñendo o foco na súa preservación, na seguridade das persoas visitantes e na divulgación do patrimonio á comunidade local”.

As obras que se están a levar a cabo están enmarcadas nun proxecto de intervención coordinado coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e inclúen sondaxes arqueolóxicas valorativas para a detección de posibles estruturas soterradas, cunha área estimada de actuación de 60 m², análise, tratamento e depósito dos materiais arqueolóxicos recuperados no museo correspondente, documentación fotográfica e videográfica, incluíndo tomas aéreas oblicuas e verticais, vídeo e fotografía de detalle, levantamento topográfico xeorreferenciado e fotogrametría 3D, ademais de debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas.

Ademais, o proxecto tamén contempla a diagnose do estado de conservación das estruturas que poidan aparecer, un plan de protección e tapado das sondaxes, e, de ser necesario, a cubrición diferencial das estruturas localizadas, accións de difusión en redes sociais, unha charla divulgativa final en coordinación co concello e, se as condicións de seguridade o permiten, xornadas de portas abertas durante a intervención, o deseño e instalación dun cartel sinalizador interpretativo e a elaboración da memoria técnica e do proxecto de intervención, que recollerá os resultados dos traballos de campo.

O Castro da Croa é un ben de alto valor histórico e patrimonial, incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Trátase dun recinto fortificado de forma oval, circundado por terraplén, con muralla pétrea e foso defensivo, cunha superficie principal de 8.804 m², propiedade municipal desde 2024.

Outros artigos

Medio Rural dá por extinguido o incendio de Ribasieira

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou extinguido ás 19,11 horas de hoxe, xoves 24 de setembro. Como lembraremos, o lume iniciouse ás 14,42 horas do pasado luns e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.