Amicos despide 2025 coas pre-badaladas no Centro Integral de Boiro

31 Decembro 2025

A Asociación Amicos celebrou este mércores 31 de decembro as tradicionais prebadaladas de fin de ano no Centro Integral Amicos de Boiro, nunha xornada festiva na que participaron máis de 40 persoas beneficiarias da entidade. O encontro contou coa presenza da directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, e do director xeral de Amicos, Xoán España, e serviu para despedir o ano e dar a benvida a 2026 nun ambiente de convivencia, alegría e participación.

A mañá estivo marcada polo bo humor, o cotillón, os lacasitos da sorte e un brinde colectivo co que as persoas asistentes despediron o ano cheas de ilusión. Un dos momentos máis destacados da xornada foi a conta atrás das prebadaladas, que se realizou cun reloxo xigante deseñado e elaborado polas propias persoas usuarias de Amicos, que foi o encargado de marcar cada son da campá. Para simular as tradicionais badaladas da Porta do Sol, estoupouse un globo por cada tanxido, xerando un ambiente festivo e moi participativo.

Durante a súa visita, Begoña Abeijón compartiu unha conversa próxima e distendida coas persoas beneficiarias, interesándose polo seu día a día, polos seus proxectos e polos desexos de cara a 2026. A directora xeral destacou “a ilusión, a participación e a capacidade de desfrutar que se respira en Amicos” e puxo en valor a importancia de seguir creando espazos nos que todas as persoas poidan participar e sentirse parte activa da comunidade. Ademais, desexou que 2026 sexa “un ano cheo de oportunidades, ilusións compartidas e novos proxectos”.

Pola súa banda, o director xeral de Amicos, Xoán España, subliñou que “comezar o ano celebrando xuntos é unha maneira moi especial de lembrar o que somos: unha comunidade activa e con ganas de seguir facendo cousas”. España felicitou o ano novo e expresou o desexo de que 2026 chegue cargado de “novos proxectos, actividades e experiencias que sigan abrindo camiños cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva”.

A xornada rematou entre risas, brindes e bos desexos, reafirmando o compromiso de Amicos coas persoas, coa participación activa e coa construción dun futuro no que a inclusión sexa unha realidade compartida.

25 anos de traballo

Durante a celebración, Begoña Abeijón puxo en valor os 25 anos de traballo de Amicos, entidade barbanzá que é un referente “a favor da plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual, dando servizo a máis dun cento de familias a través dos seus centros de día, ocupacionais, educativos e das súas residencias”. Así, sinalou que o labor que desenvolven a través destes recursos é fundamental desde as idades temperás para contribuír a súa autonomía persoal. Nesta liña, a directora xeral lembrou que o Executivo galego financia 102 das prazas de atención da asociación Amicos na Barbanza cunha achega anual de máis de 2,2M€.

Outros artigos

Amicos e CESUGA xuntan forzas en materia sociolaboral

A mañá deste mércores, 11 de febreiro, o Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) asinou un convenio con Amicos, asociación inclusiva do Barbanza en materia sociolaboral. Segundo coincidiron, este acordo estratéxico permitirá achegar...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.