A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, entidade inclusiva do Barbanza, levou a cabo este venres 5 de decembro a presentación oficial do seu Calendario Solidario 2026 no Cine Teatro Elma da Pobra do Caramiñal. Foi unha nova edición da publicación dedicada ao mundo das series de ficción e que busca novamente visibilizar o talento das persoas usuarias da entidade.

O Calendario Solidario 2026 é froito dun intenso traballo creativo entre o fotógrafo Pichero e Ambar onde os participantes recrearon as cartelas das seguintes series: Asalto al Banco Central, Atasco 2, Matices, En Fin, El Jardinero, Allí Abajo, La Ley del Mar, Respira, Furia, Las Abogadas, La Mesías e Animal.

No acto estiveron presentes todas as persoas usuarias da Asociación Ambar e algunhas das súas familias. Presentou o acto Zeltia Iglesias, facilitadora de Ambar e coordinadora do proxecto Calendario Solidario. Durante a xornada reproducíronse uns vídeos das persoas participantes falando de como foi o seu traballo no calendario este ano e desvelando as cartelas de cada mes.

Pecharon a xornada Milagros Rey, presidenta de Ambar, o fotógrafo Pichero e Patricia Lojo, concelleira de cultura do Concello da Pobra do Caramiñal.
Milagros Rey agradeceu a gran acollida do público no acto de presentación, a colaboración do Goberno da Pobra e o apoio por parte das empresas colaboradoras.

Adquisición e agradecementos
O Calendario Solidario 2026 xa está dispoñíbel para a súa adquisición a través da tenda online na web de Ambar ou mediante contacto directo nas canles habituais: 981 87 44 80 e correo@asociacionambar.org.

A Asociación quixo estender o seu agradecemento ó Concello da Pobra do Caramiñal e ós seus patrocinadores por facer posible este proxecto: Serdeco, Coyamar, Mobalco, Río Blanco, Solarz, Zeta, Fripusa, Avogado Pablo Ferreirós Vidal, Cepsa Santa Uxía de Ribeira, Marxe Artes Gráficas, Electro Vidal, García Sánchez, A Poutada, Alvarez Riveira e Pichero Estudio Fotográfico.




