A Serra de Outes será escenario este venres, 12 de decembro, da presentación do libro de relatos Carnívoras e domésticas, a nova obra do escritor Jorge Rodríguez Durán. O acto terá lugar ás 19:30 horas na ULA (rúa da Capela 11) e está aberto ao público.
Xunto ao autor, participarán na presentación Jorge Sacido Romero e Esther Caamaño Silva, quen acompañarán a Rodríguez Durán nun encontro literario que busca achegar ao público as claves deste novo volume editado por Cuarto de Inverno.
Carnívoras e domésticas é definido como un conxunto de historias eremitas sobre a vida cotiá, un percorrido narrativo que se instala no xogo, na liberdade, nos reveses vitais e, sobre todo, no melodrama. A obra propón ao lector unha mirada irónica e vitalista, na que —como apunta o propio autor— “nada é tan serio como aparenta”.
A organización anima á asistencia a este encontro cultural, que promete ser unha oportunidade para descubrir unha obra cargada de personalidade e para dialogar directamente co seu creador.




