A Casa da Xuventude de Ribeira converterase o domingo, 14 de decembro, no punto de encontro para amantes dos xogos de mesa grazas a unha xornada organizada pola Concellería de Xuventude en colaboración co Club Deportivo Marquiño. A actividade desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
A proposta está dirixida a veciños e veciñas a partir dos 8 anos, co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer durante esta época outonal, especialmente pensadas para a mocidade. Ademais do carácter lúdico, a actividade busca fomentar aspectos como a socialización, a capacidade estratéxica, o uso de tácticas, a memoria e a atención, habilidades que os xogos de mesa permiten desenvolver de maneira natural e divertida.
A concelleira de Xuventude, Carmen Pérez, destacou que iniciativas deste tipo contribúen a crear espazos de convivencia interxeracional e anunciou que nas próximas datas se darán a coñecer novas accións de natureza similar, co propósito de seguir dinamizando a Casa da Xuventude e convertela nun auténtico punto de encontro para a rapazada e a mocidade do municipio.




