A Asociación Boirense de Empresas (ABE) presentou una das campañas de nadal mais ambiciosas da súa historia: Boiro, corazón do Nadal, que se desenvolverá do 10 de decembro ao 3 de xaneiro, cun completo programa dirixido a dinamizar o comercio local, atraer público á vila e ofrecer propostas culturais, lúdicas e familiares para todas as idades.
A patronal explicou que se trata “dunha das campañas máis importantes do ano para o tecido empresarial local, na que apostamos por accións que combinan promoción comercial, participación cidadá e iniciativas de carácter social”.

Aguinaldos empresariais da ABE
Como cada ano, a campaña comeza facendo fincapé nos aguinaldos empresariais, unha ferramenta que permite ás empresas agasallar ao seu persoal con bonos ABE, válidos para mercar en máis de 200 negocios locais. “Trátase dunha opción que reforza o consumo no comercio de proximidade e que, ademais, ofrece total flexibilidade para os traballadores, que poden usar os bonos durante todo o ano como unha tarxeta agasallo”, salienta ABE, destacando que “cada vez máis empresas da comarca optan por esta alternativa, contribuíndo a fortalecer o tecido económico local e xerando un impacto directo nos negocios asociados”.
Entre as primeiras accións da campaña, a ABE inicia o reparto das tradicionais axendas e dunha das novidades máis destacadas: o Calendario de Parede 2026, ilustrado por Andrés Camilo Noal, alumno do obradoiro de pintura da artista e empresaria asociada Paola García Paz. Xunto a isto, os negocios recibirán tamén unha bolsa especial da campaña. Formarán parte dos 700 agasallos directos que se entregarán aos primeiros clientes que participen na campaña.

Sorteo presencial con 3.000 € en vales de compra
O tradicional sorteo de Nadal volve ser un dos grandes atractivos da campaña. Os clientes que merquen nos negocios asociados entre o 10 de decembro e o 3 de xaneiro poderán trocar os seus tíckets por rifas nos puntos habilitados, a razón de 1 rifa por cada 10 € de compra (máx. 5 rifas por tícket). Os puntos de troco estarán situados:
• 16 e 19 de decembro (11:30–13:30 h) diante do Mercado Municipal.
• 22 e 23 de decembro (16:30–20:30 h) no Polideportivo da Cachada.
• 2 e 3 de xaneiro (16:30–20:30 h) no Polideportivo da Cachada.
Entre todos os participantes sortearanse 3 premios de 1.000 € en vales de compra, nun acto presencial que terá lugar o 3 de xaneiro ás 21.00 h no Polideportivo da Cachada.
Parque Infantil Temático Boiro, corazón do Nadal
Este ano a ABE incorpora unha das grandes novidades da campaña: un Parque Infantil Temático, que estará activo os días 22 e 23 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, de 16.30 a 20.30 h, no Polideportivo da Cachada. O espazo contará con zona de inchábeis, música e photocall, zona infantil con xogos, caixa de correos real e sorteo de premios entre as cartas; recepción de Papá Noel, obradoiros infantís en colaboración con entidades sociais (AGADEA, Amicos e Cruz Vermella Boiro) e degustacións (flocos de millo, chocolatada e doces).
O acceso ao recinto será libre e gratuíto, aínda que para desfrutar dos inchábeis e degustacións será preciso presentar os convites distribuídos polos negocios asociados. As actividades de carácter solidario, como os obradoiros das entidades, terán acceso libre para todas as familias.

Actividades especiais nos comercios: visitas do Elfo e do Paxe Real
Os días 29 e 30, as rúas e negocios de Boiro recibirán as visitas do Elfo e do Paxe Real, que repartirán bolsas de lambetadas e animarán as compras nos establecementos.
Un Nadal solidario e participado
A campaña destaca tamén pola súa vertente solidaria, coa participación activa de entidades como AGADEA, Amicos e Cruz Vermella Boiro, que ofrecerán obradoiros infantís no Polideportivo da Cachada.
A ABE convida a toda a cidadanía a vivir un Nadal diferente
O presidente da ABE e o equipo directivo sinalan que esta campaña busca “encher de vida o comercio local, atraer familias á vila e crear un ambiente de Nadal único en Boiro”, valorando o esforzo do tecido empresarial e o traballo das empresas e entidades que colaboran na iniciativa. A ABE anima a todos os veciños e visitantes a participar, desfrutar das actividades e apoiar o comercio de proximidade. Máis información en www.abe.gal.



