Vertedura no porto de Ribeira, o BNG propón accións para evitar novos vertidos

24 Novembro 2025

O Grupo Municipal do BNG vén de denunciar a vertedura previsiblemente contaminante rexistrada o pasado 16 de novembro no porto de Ribeira, consecuencia da saída de augas fecais a través dunha condución destinada só á evacuación de auga procedente do río que descende pola rúa Rosalía de Castro.

A formación nacionalista alerta de que “o episodio revela posíbeis conexións irregulares de augas residuais a canalizacións de pluviais, unha situación que, de confirmarse, suporía unha vulneración das normas ambientais e de salubridade pública”.

O BNG mantén que o mar é “un recurso esencial para a identidade e a economía local”, do que dependen directamente miles de persoas entre mariñeiros, mariscadoras e traballadores do sector do mar.

“Calquera vertedura, mesmo se parece pequena, provoca efectos acumulativos que danan o ecosistema, comprometen a saúde pública e poñen en risco os medios de vida de moitas familias de Ribeira”, sinala a organización.

O portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, urxe ao Executivo local a actuar xa que, segundo indicou, “non debemos permitir que o porto de Ribeira se converta nun punto de verteduras sen control. Debemos saber que aconteceu e adoptar medidas para identificar a orixe e evitar que isto se repita.” Para Pérez Barral a protección do mar é unha necesidade “se queremos garantir o futuro das persoas que viven do sector e para preservar o noso patrimonio ambiental”.

A formación pide que “se realicen inspeccións técnicas das canalizacións mediante o visionado das canalizacións e atallar as posíbeis conexións irregulares que poidan existir”. Unha vez feitos estes traballos, engaden, “deberíase reunir un grupo de traballo entre a concesionaria e Concello para trazar unha liña de mellora do control municipal e a comunicación pública dos resultados”. Dende a formación nacionalista lembran que “durante a súa etapa no goberno, existiron reunións periódicas coas concesionarias de servizos para corrixir múltiples deficiencias como puntos de vertedura incontrolados, puntos nos que había rupturas da rede ou nos que se coaba moita auga salgada do mar prexudicando os parámetros de saneamento”.

“O porto é un símbolo de Ribeira e non pode quedar exposto a episodios que poñan en risco a calidade das augas nin a imaxe do municipio”, conclúe Pérez Barral.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.